Unha das grandes polémicas da campaña electoral, e que pola súa inconsistencia rozou o absurdo en moitos momentos, foi a motivada por un recurso presentado por UPyD na Xunta Electoral da Coruña, alegando que os medios de comunicación públicos galegos non debían informar da actividade do BNG. UPyD buscaba que a Xunta Electoral seguise tamén aquí o criterio seguido para a asignación dos espazos electorais gratuítos, segundo o que o Bloque debía ter un tempo mínimo, ao entender que non se presentara aos anteriores comicios europeos.
No plan inicial de cobertura das eleccións europeas, a TVG e a RG dedicábanlle ao BNG 27 segundos nos seus bloques de información electoral de 5 minutos
No plan inicial de cobertura das eleccións europeas, a TVG e a RG dedicábanlle ao BNG 27 segundos nos seus bloques de información electoral de 5 minutos (fronte aos 150 segundos do PP, os 105 do PSdeG e os 14 de AGE), en virtude dos 103 mil votos que recibira na comunidade en 2009. Uns días antes de rematar a campaña a Xunta Electoral Central resolveu que UPyD (que en 2009 tivera 15 mil votos) non tiña dereito a un espazo maior que o inicialmente outorgado, pero aceptaba en parte o seu recurso, retirándolle ao BNG eses segundos de cobertura. Os nacionalistas anunciaron que recorrerían a decisión ante o Tribunal Supremo.
Non foi necesario, pois a Xunta Electoral Central acabou por emendar a súa decisión, aínda que o fixo tarde, moi tarde. O organismo emitiu un ditame o mesmo día 25 de maio, data das eleccións, no que deixa claro que fronte ao alegado por UPyD, "non é certo que o Bloque Nacionalista Galego non se presentara ás citadas eleccións de 2009, xa que o fixo formando parte da Coalición A Europa dos Pobos-Verdes". A resolución, obvia, fíxose publica este martes pola tarde, e non ten ningún efecto real, nin resolve a inxustiza xerada en primeiro termo.
A realidade é que a partir do recurso presentado por UPyD, tanto a TVG coma a RG deixaron practicamente de informar dos actos do BNG na campaña
O documento sinala que "resulta razoable a decisión de RTVG, aprobada despois pola Xunta Electoral Provincial da Coruña, de tratar a coalición na que se integra o Bloque Nacionalista Galego como grupo político significativo, merecedor dun trato diferenciado doutras formaciónes políticas". Porén, a realidade é que a partir do recurso presentado por UPyD, tanto a TVG coma a RG deixaron practicamente de informar dos actos do BNG na campaña.
A Xunta Electoral Cental avala o criterio seguido pola CRTVG, que invocaba que a consideración como grupo significativo do BNG proviña da obtención por esta formación nas últimas eleccións autonómicas do 10,11% de votos válidos e 7 deputados, fronte ao 1,47 % dos votos de UPyD, e de que o ámbito de difusión da CRTVG é o de Galicia.