A Xunta Electoral volve sancionar o Goberno Feijóo e ordénalle eliminar outra nova da web

O conselleiro Jesús Vázquez, nunha visita a unha escola © Xunta

A Xunta Electoral volve sancionar o Goberno de Feijóo logo de ordenar ao Executivo galego que retire da súa páxina web a noticia e a gravación sobre a visita do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, a varios centros escolares da comarca do Barco o pasado mércores. No seu escrito, o organismo explica que actúa despois dunha denuncia do PSdeG e ao incumprirse unha das instrucións da Loreg (Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral) que indica que só é campaña institucional permitida aquela "de carácter informativa que resulte imprescindible para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos".

Así, require a Xunta "para que retire a noticia relativa á visita do conselleiro de Cultura e Educación a varios colexios do Barco de Valdeorras (incluída a gravación do acto) da páxina web", polo que admite parte da solicitude do PSdeG, aínda que existe a posibilidade de presentar recurso antes da tarde deste luns.

A Xunta xa tivo que eliminar novas sobre Pemex e o alcalde de Lugo, así como dúas campañas publicitarias

Esta é a quinta infracción que comete a Xunta no último mes, concretamente desde que o 27 de agosto foran convocadas as eleccións. A Xunta Electoral Central xa ordenara retirar a polémica información sobre a sinatura do acordo con Pemex para a construción de dous buques hoteis en estaleiros galegos, tamén tivo que eliminar da web oficial unha noticia na que se vertían acusacións contra o alcalde de Lugo, unha campaña de Benestar sobre o Decálogo de dereitos das persoas maiores, así como a campaña de publicidade Paisaxe galega, unha tarefa de todos.

O PSdeG destacou que, de acordo coa decisión do órgano electoral, as visitas do conselleiro "vulneran a lei". O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García reclamou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que "pare coa súa descarada estratexia de utilización dos medios do Goberno para obter rédito político para o PP".

HABERÁ AMPLIACIÓN

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.