A Xunta eloxia a Lei da Paisaxe do bipartito ao aprobar con 11 anos de atraso o regulamento que a desenvolve

Paisaxe galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

“A Comunidade Autónoma de Galicia é hoxe consciente da importancia das nosas paisaxes e do deber que temos de preservalas”, di agora o Goberno galego

“A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, incorporou a crecente sensibilidade social pola paisaxe, elevándoa a rango de lei por vez primeira en Galicia, e fíxoo desde a máis actual concepción daquela”. Quen así se pronuncia sobre aquela lei impulsada polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG é a actual Xunta. Faino no Diario Oficial de Galicia deste mércores 8 de xullo, no que publica o decreto polo que aproba, con once anos de atraso, o regulamento que desenvolve aquela lei, á que dirixe diversos eloxios.

Aquela Lei da Paisaxe de 2008 establecía que a comezos de 2009 debía estar aprobado un regulamento que a desenvolvese, algo que non chegou a facer o bipartito nos poucos meses que seguiu gobernando pero tampouco o PP nos once anos seguintes. Faino agora con eloxios para aquela lei como o anterior ou como que aquela norma “supuxo un importante avance no recoñecemento xurídico da paisaxe en Galicia e na posta en marcha de políticas para a súa preservación, xestión e ordenación”.

Paisaxe rural CC-BY-SA Anthony Desruelles

A Xunta admite que optou por aprobar o regulamento da Lei da Paisaxe despois de poñer en marcha outros documentos de planificación que afectan á paisaxe

Despois de máis dunha década sen aprobar o regulamento da lei, a Xunta di agora que “a Comunidade Autónoma de Galicia é hoxe consciente da importancia das nosas paisaxes e do deber que temos de preservalas”.

O propio Goberno galego argumenta que optou por aprobar o regulamento da lei “unha vez que se teñen posto en marcha as políticas de paisaxe, entre as que destacan a inclusión da paisaxe nas directrices de ordenación do territorio (DOT), a súa utilización no Plan de ordenación do litoral (POL) como ferramenta base de análise, e primordialmente a aprobación da Estratexia da paisaxe galega (EPG)”. Isto é, o regulamento sobre a Lei da paisaxe chega despois de que se aprobasen nestes anos diversos documentos de planificación que afectan á paisaxe.

A Xunta ten pendentes de aprobar as Directrices da Paisaxe, o documento que establecerá as normas imperativas ao respecto

O regulamento agora aprobado establece medidas para o seguimento do estado da paisaxe, a sensibilización da cidadanía na materia ou cando e como se deben facer estudos de integración paisaxística de novas actuacións sobre o territorio. Tamén establece a tramitación que deben seguir as Directrices da Paisaxe, documento posterior que será no que se establezan as normas imperativas e as recomendacións en materia de paisaxe. A Xunta iniciou a tramitación desas directrices antes de ter este regulamento, someténdoas a exposición pública o pasado outubro, pero aínda as ten pendentes de aprobar de xeito definitivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.