Feijóo preséntase no derradeiro Consello da lexislatura como o anovador da ordenación territorial galega

Feijóo na súa comparecencia posterior ao último Consello da Xunta da lexislatura Dominio Público Xunta de Galicia

O último Consello da Xunta da lexislatura antes das eleccións do domingo serviulle ao presidente e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, para presentarse como o anovador da ordenación territorial de Galicia. Na súa reunión semanal, o seu goberno aprobou definitivamente a fusión dos concellos pontevedreses de Cerdedo e Cotobade, o regulamento da Lei do Solo e axudas de 20 millóns de euros á rehabilitación de vivendas particulares e edificacións públicas.

A Xunta aproba a tres días das eleccións a fusión de Cerdedo e Cotobade, o regulamento da Lei do Solo e axudas de 20 millóns de euros á rehabilitación

Feijóo chegou á Xunta en 2009 prometendo que en seis meses aprobaría as Directrices de Ordenación do Territorio, documento marco da ordenación de Galicia, e o Plan de Ordenación do Litoral, co que se levantaría a suspensión cautelar implantada polo bipartito á construción nos primeiros 500 metros da costa. Porén, ambos documentos foron aprobados case dous anos despois, en febreiro de 2011. O seguinte chanzo na ordenación territorial, a Lei do Solo, foi reformada parcialmente media ducia de veces nestes anos antes de que o PP decidise afrontar a súa promesa de redactar unha norma nova. A nova lei foi finalmente aprobada a principios deste ano abrindo a man á construción no rural, non sen antes introducir nela a ultimísima hora unha disposición para facilitar tamén a execución de grandes proxectos logo da anulación do plan de urbanismo de Vigo. En desenvolvemento desa Lei do Solo é como se aprobou este xoves o seu regulamento, que segundo Feijóo converte a Galicia “na comunidade cunha ordenación máis completa e actualizada”.

O Consello deste xoves tamén aprobou dúas liñas de axudas de 10 millóns de euros cada unha para financiar os xuros dos prestamos para obras de rehabilitación de particulares e concellos. A medida chega logo de que o Goberno galego veña de desbloquear xusto antes destas eleccións autonómicas axudas a rehabilitacións realizadas entre 2011 e 2014 que aínda non pagara.

Feijóo salienta que Galicia é a comunidade coa ordenación territorial "máis completa e actualizada"

O Goberno galego tamén aprobou de xeito definitivo este xoves a fusión dos concellos de Cotobade e Cerdedo, que sumará 6.160 habitantes e será efectiva a partir da súa publicación nos próximos días no Boletín Oficial del Estado e o Diario Oficial de Galicia. A que vén sendo unha das apostas persoais de Feijóo sáldase cunha fusión por cada un dos seus mandatos, a de Oza-Cesuras no primeiro e esta no segundo, pero sen que máis alá da iniciativa que poidan tomar os propios municipios exista detrás unha planificación por parte da Xunta, que se limita a incrementar as súas axudas económicas. Nesa liña, nada dicían ao respecto as Directrices de Ordenación do Territorio.

Na súa comparecencia posterior á reunión do Consello, a Feijóo aínda se lle preguntou por unha cuestión máis relacionada co territorio, a crítica que a Fiscalía fai na súa memoria anual ás demoras da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Feijóo asegurou que o que el detecta é o contrario, que os particulares están a percibir que a Xunta actúa como nunca antes contra as infraccións urbanísticas. E como exemplo remitiu ao listado de edificacións derrubadas pola APLU. Porén, ao revisalo o que se comproba é que a Xunta é especialmente activa contra pequenas construcións de particulares mentres que grandes construcións declaradas ilegais desde hai anos seguen en pé.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.