A Xunta subvenciona con máis de 300.000 euros un vídeo do cantante Enrique Iglesias. Segundo os detalles do contrato, publicados na plataforma pública do Goberno, a Axencia Turismo de Galicia paga 302.500 euros á produtora Universal Music Spain para a "promoción do turismo de Galicia a través do vídeoclip Noche y Día" do artista español.
A Xunta confirma o pagamento de 302.500 euros a Enrique Iglesias por gravar un vídeoclip en Galicia
O contrato, de cuxas intencións xa se advertira en diversos medios hai mes e medio, ten explicación turística: a aparición de diferentes puntos da xeografía do país nun vídeo de Enrique Iglesias. O desembolso sería moito maior a que, por exemplo, realiza para impulsar a publicación de medios en galego ou para fomentar a lingua propia nos concellos. A Axencia Turismo de Galicia, organismo dependente da Presidencia da Xunta, puxera como referencia para o gasto máximo a cantidade que achegara á empresa Unipublic para que a derradeira tirada da Vuelta a España se levase a cabo en Compostela. Daquela a cantidade fora de 350.000 euros, unha cifra que agora queda en algo máis de 300.000, superando os 50 millóns das antigas pesetas.
O pagamento por parte do Executivo galego vai destinado a que na montaxe musical luzan o máis posible escenas como a celebración dunha macro festa no mosteiro de Carboeiro, imaxes aéreas da Cidade da Cultura ou percorridos polo centro histórico de Santiago. É un contrato privado con Universal Music mediante tramitación anticipada e a través dun procedemento negociado sen publicidade por exclusividade.
O mosteiro de Carboeiro, a Cidade da Cultura, a Torre de Hércules ou a Muralla de Lugo saírán no vídeo a cambio de máis de 300.000 euros
A cambio deses ata 302.500 euros a canción Noche y día soaría tendo como escenarios a Muralla de Lugo, o burgo medieval da mesma cidade ou a Torre de Hércules, lugares que foron gravados sen a presenza do artista, que tan só participou nalgúns traballos no Obradoiro ou Silleda. "Se houbese que pagar a prezo de tarifa publicitaria" os "impactos do clip" en todo o mundo "falaríamos de cifras multimillonarias", declaraba a La Voz de Galicia o produtor de orixe galega. Logo de pecharse o acordo, os impactos superporán ás imaxes de Galicia versos como "Hoy me dijeron que en la noche tú eres la reina / Que tú mueves la cintura con indecencia" ou "Santa Cruz azul bahía / Poca ropa, sudaíta / Fuego puro, agua fría / La vida es un carnaval / Baila de noche y de día".
Versos como "poca ropa, sudaíta; fuego puro, agua fría" soarán como fondo das imaxes de Galicia
O contrato con Universal Music foi asinado por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 30 de xaneiro e o seu prazo de execución remata o vindeiro 30 de xuño. Únese ao acordo ao que chegou con outra administración pública, neste caso a Deputación de Ourense, coa mesma empresa e grazas á intermediación do produtor José María Besteiro, que traballa tamén con Enrique Iglesias. Neste caso foi con Alejandro Sanz e suporía un gasto, segundo o presidente Manuel Baltar, de 4.700 euros, 3.000 en aloxamentos e outros 1.700 en dietas.
A Deputación de Ourense achegou 4.700 euros a Alejandro Sanz por outro vídeoclip gravado na provincia
Tal e como asegurou o presidente da Deputación, esta achega pública sería un investimento, xa que "os millóns de mensaxes" recibidos tras saberse a noticia "xa son retorno dabondo" incluso para un desembolso máximo que calculara en 18.000 euros. Alejandro Sanz gravou un vídeoclip dunha canción que sairá ao mercado despois de Semana Santa como adianto do seu vindeiro disco e as gravacións realizáronse en diversos lugares da provincia de Ourense, como o mosteiro de Oseira.
Máis que o fomento do galego nos concellos
Universal Music recibirá da Xunta unha achega pública notablemente maior que, por exemplo, todas as empresas editoras que neste 2014 reciben subvencións da Xunta por editaren medios de comunicación en galego, cuxa publicación e difusión o Goberno ten o mandato de impulsar, tamén economicamente, segundo a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
O gasto no vídeo de Enrique Iglesias é de 50.000 euros máis que a cantidade da Xunta para o fomento do galego nos concellos
Segundo as resolucións feitas públicas pola Secretaría Xeral de Medios a finais de novembro as beneficiarias destas axudas son un total de 15 empresas -as axudas deixan fóra os medios editados por entidades con formas xurídicas diferentes á empresarial- que editan case unha vintena de cabeceiras en diferentes formatos. A suma destas subvencións acadou os 206.158,66. Esta cantidade é semellante tamén, por exemplo, á que consignan os Orzamentos Xerais da Xunta de 2015 para o fomento da lingua galega nos concellos (245.000 euros, máis de 55.000 euros menos que o vídeoclip) ou para as bolsas dos lectorados de lingua galega (209.604). Dende o ano 2009 os fondos da Xunta para a promoción do galego descenderon un 70%.
A subvención a Enrique Iglesias chega 23 anos despois de que seu pai, Julio Iglesias, fose nomeado embaixador do Xacobeo por 300 millóns de pesetas, algo máis de 1,8 millóns de euros. Máis de dúas décadas despois, Goberno galego leva a cabo outra achega económica a outro membro da familia Iglesias, tamén con explicación turística.