A Xunta esquiva comparecer nesta lexislatura sobre as irregularidades na axuda ao pazo de Mario Conde

A Casa Grande da Cerca, nunha imaxe promocional © Galiciaparaelmundo.com

Dende 2009 o ex-banqueiro Mario Conde converteu nunha das súas residencias habituais a antiga reitoral de Chaguazoso, na Mezquita, a noutrora coñecida comercialmente como Casa Grande da Cerca, rehabilitada hai máis dunha década como establecemento de turismo rural con 120.000 euros de fondos europeos xestionados pola Xunta. Como relatou Praza.gal, o propietario da casa no momento da subvención era o tamén home forte do PP no Concello e, dende 2007, sogro de Manuel Baltar, Gabriel Caldelas, quen en 2013 explicou que Conde dispuña da casa non porque lla vendera, senón porque lla alugara a unha das súas empresas. No entanto, na liña do adiantado por este diario, nese mesmo ano unha inspección de Turismo "comprobou" que o establecemento non cumpría coa obriga de estar aberto ao público como casa rural cando menos ata 2015, tal e como esixía a subvención, un espiñento episodio que o Goberno galego vén de evitar explicar no Parlamento nesta lexislatura.

Cando o antigo presidente de Banesto foi detido o pasado abril, a Policía rexistrou o pazo e a instrución dirixida polo xuíz Santiago Pedraz o considerou unha propiedade máis de Conde, o PSdeG formulou no Parlamento unha pregunta sobre as irregularidades no uso da casa subvencionada. O pasado xuño a Axencia Turismo de Galicia respondíalle á autora da pregunta, a deputada Noela Blanco, admitindo a existencia da "infracción grave" pola "inactividade" da casa rural e detallando que estaba en marcha un "expediente de reintegro da subvención" con carácter "firme", o que obriga á devolución da axuda "entre 2015 e 2019". Así e todo, aquela resposta escrita non aclaraba, por exemplo, a que persoa ou empresa se refería ao falar de "o interesado", isto é, de Caldelas ou de Conde.

A Xunta admitiu este ano que detectara as irregularidades en 2013 e que iniciara un expediente para a devolución da axuda coa que se rehabilitou o pazo

Xunto a aquela pregunta escrita Blanco formulara outra oral, que incluíu na sesión da comisión de asuntos europeos que foi incluída na orde do día da xuntanza que este órgano parlamentario celebrou este mércores, 6 de xullo. O obxectivo da parlamentaria era obter máis información sobre o sucedido e, ademais, aclarar se o Goberno galego comunicou "ás autoridades europeas encargadas de loitar contr aa fraude e a corrupción" a operación na que se vira inmersa a subvención do pazo, sufragada dende a UE. No entanto, este martes, a apenas vinte e catro horas da celebración da comisión, a Xunta informou por escrito ao Parlamento da "imposibilidade da asistencia" da "persoa encargada de darlle resposta debido a un problema de axenda", polo que solicitou un adiamento da contestación a "unha posterior sesión".

Este aprazamento, unha fórmula parlamentaria habitual, non tería maior relevancia política se non fose porque resta pouco máis dunha semana de período hábil no Parlamento e, con toda probabilidade, o lexislativo galego xa non retomará a súa actividade ordinaria despois do verán, toda vez que o presidente da Xunta convocará as eleccións a finais de agosto. En canto se produza a convocatoria a Cámara ficará disolta e esta iniciativa, como todas as demais, decaerá. Este é o motivo polo que a deputada socialista ve tras o adiamento unha "inadmisible manobra" da Xunta para "evitar responder".

Noela Blanco (PSdeG) acusa a Xunta de "fuxir" para "tentar agochar un posible pelotazo do sogro de Baltar"

"Non podo crer que non poida vir responder nin o conselleiro, nin un director xeral, nin un subdirector xeral", di Blanco, ao tempo que reclama que a comisión se volva reunir "para incluír a pregunta antes do remate da lexislatura. Este tipo de preguntas non se dirixen a ningunha persoa en concreto, se ben neste caso o máis probable sería que fose respondida pola directora de Turismo, Nava Castro, que este mediodía visitaba un camping na Illa de Ons ou, en menor medida, polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, en cuxa axenda oficial deste mércores só figura unha xuntanza ás 9 da mañá -a comisión celebrouse ás dez e media-.

Dende o punto de vista do PSdeG a Xunta "tenta agochar un posible pelotazo do sogro de Baltar coa rehabilitación e venda da antiga reitoral a Mario Conde". Unha vez recoñecidas as irregularidades, agrega, cabe deducir que o deste mércores é unha "fuxida" para "eludir dar contas da maquillaxe coa que tapar un posible pelotazo da familia de Baltar. Cómpre aclarar, subliña, se "a obriga de devolver as axudas" afecta a Caldelas ou a Conde, en que medida "afecta" aos fondos europeos e se existiu a devandita comunicación á UE.

A Casa Grande da Cerca, nunha imaxe promocional © Galiciaparaelmundo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.