A Xunta financia con 60.000 euros o persoal da Red Madre

A secretaria xeral de Igualdade, con directivas de 'Ayuda a la vida' © Xunta

O primeiro proxecto legal tramitado polo PP tras o seu retorno á Xunta en 2009 foi a lei pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, iniciativa lexislativa popular impulsada polo Foro Español de la Familia co obxectivo de darlle sustento legal á súa Red Madre. Esta norma, combinada coa lei de familia do ano 2011, abriu de par en par as portas do financiamento público estas organizacións de marcado carácter antiabortista, que apostan por ofrecerlles "apoio" ás mulleres embarazadas dende a súa particular óptica ideolóxica suplindo, en ocasións, os servizos públicos de orientación familiar e afectivo-sexual. Dende entón as achegas de cartos do erario foron caendo, pinga a pinga, nas arcas destes grupos. A última ascende a algo máis de 60.000 euros para gastos de persoal procedentes, paradoxalmente, da Secretaría Xeral de Igualdade.

O departamento dependente da Vicepresidencia da Xunta vén de facer públicas as entidades que recibirán neste 2013 as súas axudas "a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes". Esta liña, cofinanciada nun 80% con cartos do Fondo Social Europeo, ten por obxectivo o mantemento de centros que atenden a mulleres en risco de exclusión social e de asesoramento e dotación de recuros para elas ou os seus fillos e fillas. Tamén permite financiar a entidades que loitan contra a violencia machista e asisten as vítimas que a sofren. Nesta relación de grupos beneficiarios a Red Madre recibiu fondos para as súas delegacións na Coruña, Ourense e Pontevedra, ficando excluída a de Lugo porque non presentou os documentos que debía.

A lei da Red Madre foi a primeira tramitada polo PP no seu retorno ao poder

Nomeadamente, Red Madre Coruña recibirá 34.659,28 euros para o seu "servizo de intervención social para mulleres xestantes e lactantes 2013". En Pontevedra a achega será de 22.540 euros e en Ourense, de 3.960. Nos tres casos os cartos da Xunta irán para sufragar gastos de persoal. Son, polo tanto, 61.159 euros que se suman aos que recibirán outros colectivos que igualmente secundan a causa da oposición ao dereito ao aborto. É o caso da asociación Ayuda a la Vida, que disporá de 10.300 euros para gasto corrente e de persoal, Betania de Jesús Nazareno, con 40.000 euros de "axuda por ocupación" ou as Hijas del Divino Cielo-Rogacionistas, ás que lles corresponderon 8.337 euros "por incentivo do posto de traballador social".

O grupo vinculado ao Foro de la Familia recibe máis cartos que Érguete ou Cáritas de Santiago

A suma de cartos que reciben estas entidades superan notablemente, por exemplo, os 35.000 euros outorgados á asociación Érguete para un programa socioeducativo, os 9.600 euros da Asociación de Síndrome de Down Teima de Ferrol, os 16.396 euros da Asociación de Loita contra o Cancro, ou os 23.300 de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, entre outros colectivos e asociacións.

Críticas da oposición

As axudas para grupos antiabortistas suscitaron xa críticas no seo da oposición parlamentaria. Así, dende Alternativa Galega de Esquerda lamentan que se estea a producir un "uso ideolóxico" destas subvencións, financiando colectivos como a Red Madre, "cunha inserción minúscula na vida social do país". Para AGE resulta especialmente significativo que se entregue "unha axuda de máis de 60.000 euros para gastos de persoal" cando o colectivo vinculado ao Foro de la Familia mantén "delegacións virtuais" en Galicia. Así, a coalición lamenta que a Xunta opte polo "desbalde de recursos públicos" en "entidades confesionais ou directamente ultras" no canto de "fornecer os servizos de orientación familiar e en xeral todos aqueles programas de apoio á muller de carácter laico e non nesgadas ideoloxicamente".

Tamén o BNG censurou nos últimos meses a orientación destas axudas. No seu caso, os nacionalistas criticaron hai poucos meses o montante total achegado pola Secretaría Xeral de Igualdade para este tipo de entidades ao longo de 2012. A Red Madre e outros colectivos cunha orientación semellante obtiveron o pasado ano máis de 175.000 euros en axudas.

A secretaria xeral de Igualdade, con directivas de 'Ayuda a la vida' © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.