"Pacientes con doenzas de corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano". Quen fala é Alberto Núñez Feijóo. As verbas do presidente da Xunta teñen como escenario o Hospital Lucus Augusti e como data, o 26 de febreiro de 2011, día da agardada inauguración do novo centro hospitalario lucense, que viña substituír o precario Xeral. A promesa de Feijóo non era outra que a da instalación no HULA dos servizos de radioterapia e medicina nuclear e, ademais, do de hemodinámica, para tratar infartos. Na actualidade a hemodinámica xa funciona, pero só en horario de oficina, e o Goberno galego publicita nestes días que a radioterapia podería estar instalada a finais de 2015, isto é, cun mínimo de catro anos de atraso.
Despois de que o recorte da iniciativa lexislativa popular formulada por colectivos veciñais para garantir a instalación dos servizos pendentes provocase unha intensa treboada política na provincia lucense e mesmo no propio PP, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, suxería este luns a posibilidade dun pequeno adianto a respecto do último prazo aprobado a instancias do propio PP, 18 meses a contar dende finais de 2014. Nun almorzo coa prensa o alto cargo de Sanidade explicou que a parte correspondente ao HULA do macro contrato tecnolóxico do Sergas, en trámite dende 2013 -dous anos despois da promesa inicial-, podería culminar este ano, coa instalación dos aparellos e a súa revisión por parte do Consello de Seguridade Nuclear.
Vinte e catro horas despois deste enésimo anuncio foi o propio Feijóo quen se sumou a el. Durante a súa comparecencia sobre medidas contra a corrupción o presidente aproveitou unha réplica ao voceiro do BNG para atribuírse o cumprimento da recortada "ILP para poñer servizos en Lugo onde nunca existiron". "Despois de gobernos progresistas podemos dicir que os 18 meses que deu o Parlamento para poñer a tecnoloxía en Lugo non se van esgotar, porque se poñerá neste ano 2015 non só o acelerador liñal [para a radioterapia], senón tamén a medicina nuclear", proclamou.
Feijóo e o PP lucense celebran o novo prazo e Besteiro cre estar ante un novo capítulo dun "atraso inadmisible"
Neste contexto, o PP lucense súmase á auto gabanza da Xunta. "O tempo dá e quita razóns, como asegurou Jaime Castiñeira", voceiro municipal popular e candidato á alcaldía, "o HULA terá radioterapia e medicina nuclear en prazo", subliñou un dos seus edís na capital da provincia, Juan Carlos Plaza. Mentres, dende a Deputación o seu presidente e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ve ratificado un novo capítulo dos "atrasos inadmisibles" no equipamento do centro hospitalario.
"Os anuncios da Xunta non son máis que un intento do PP de xustificarse" ante unha dilación "da que é responsable quen dirixe" o Goberno galego, "que foi quen comprometeu en Lugo prazos que non cumpriu". Decisións como "unha unidade de hemodinámica en funcionamento as 24 horas poden ser inmediatas", asegura o socialista, quen ve probado que os populares "non teñen intención ningunha de tomalas". O Executivo galego, abonda Besteiro, "fai anuncios deste tipo porque están recibindo moita presión por parte dos cidadáns, xa que ninguén entende por que ese hospital tan grande non é un gran hospital" por non ter dos servizos que o Sergas vén anunciando dende 2011.