A Xunta mercou espazos na prensa por case 800.000 euros en catro meses

A Xunta mercou espazos para difundir os acordos do Consello © Xunta

De novo, os convenios. De entre todos os sistemas polos que a Xunta achega cartos ás empresas editoras dos medios de comunicación do país os convenios son, probablemente, a figura máis opaca. Coa única diferenza de que, dende 2006, os trazos básicos destes acordos de colaboración -esencialmente, o seu título e importe- teñen que ser públicos en virtude da Lei de Transparencia, os gobernos presididos por Manuel Fraga, Emilio Pérez Touriño e Alberto Nüñez Feijóo viñeron inxectando regularmente substanciosas partidas orzamentarias nas diferentes cabeceiras sen que medie concurso público ou un réxime de concorrencia competitiva, un método apenas empregado para estes procedementos, tal e como constatou o Consello de Contas. O último reparto coñecido produciuse entre abril e agosto deste ano e achegouse aos 800.000 euros.

Segundo os datos liberados pola Xunta hai poucos días a Secretaría Xeral de Medios, órgano con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta, asinou no segundo cuadrimestre do ano catorce convenios para achegar cartos a outros tantos diarios impresos. Concretamente, a suma dá un resultado de 765.000 euros, se ben o reparto é dispar e os obxectivos enunciados, diversos, aínda que todos cun punto en común: mercar espazos nestes diarios para que presenten como informacións propias contidos xerados polo Goberno.

Algúns dos convenios son "para a difusión informativa das actuacións da Xunta, do presidente e do Consello da Xunta"

Moitos deles teñen como obxecto o "desenvolvemento do programa A prensa nas aulas: que medios? que fins?, que malia ter este nome está financiado por Medios e non pola Consellería de Educación. Este é o título dos convenios asinados con, por exemplo, El Correo Gallego (90.000 euros), El Progreso (90.000 euros), Diario de Ferrol (25.000 euros) ou La Voz de Galicia (150.000 euros). Non obstante, o obxectivo enunciado por outros destes convenios é aínda máis explícito e neles a Xunta admite que realiza pagamentos "para a difusión informativa das actuacións da Xunta, do presidente e do Consello da Xunta de Galicia". Este é o caso, por exemplo, do convenio asinado coa Axencia EFE (30.000 euros) ou con Europa Press (30.000 euros).

Por empresas, as máis beneficiadas por estes convenios son La Voz e o grupo empresarial de El Progreso. A editora do xornal coruñés obtivo os devanditos 150.000 euros e a empresa luguesa logrou os mesmos cartos entre El Progreso (90.000), Diario de Pontevedra (35.000) e a Axencia Galega de Noticias (25.000). En segundo lugar sitúase o obtido por Prensa Ibérica, que suma 140.000 euros entre Faro de Vigo (110.000) e La Opinión de A Coruña (140.000). A continuación atópanse os fondos achegados a convenios con La Región (90.000 para a súa cabeceira ourensá e 20.000 para Atlántico Diario) e co grupo La Capital, que inclúe o Diario de Ferrol (25.000), El Ideal Gallego (20.000) e Diario de Arousa (20.000).

Convenios da S.X. de Medios no segundo cuadrimestre de 2012
La Voz de Galicia Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 150.000€
Faro de Vigo Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 110.000€
El Correo Gallego Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 90.000€
El Progreso Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 90.000€
La Región Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 90.000€
Diario de Pontevedra Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 35.000€
La Opinión de A Coruña Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 30.000€
Axencia EFE Difusión informativa das actuacións da Xunta, do presidente e do Consello da Xunta de Galicia 30.000€
Europa Press Difusión informativa das actuacións da Xunta, do presidente e do Consello da Xunta de Galicia 30.000€
Diario de Ferrol Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 25.000€
Axencia Galega de Noticias Difusión informativa das actuacións da Xunta, do presidente e do Consello da Xunta de Galicia 25.000€
El Ideal Gallego Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 20.000€
Diario de Arousa Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 20.000€
Atlántico Diario Programa "A prensa nas aulas: que medios? que fins?" 20.000€
TOTAL 765.000€

 

A Xunta mercou espazos para difundir os acordos do Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.