A Xunta multiplicou por tres a licitación de obra pública antes do 24M

Feijóo, con outros dirixentes na xunta directiva do PP © PP

As comunidades autónomas licitaron obras por un importe total de 1.324,4 millóns de euros no catro primeiros meses do ano, importe que practicamente duplica (supuxo un aumento do 95%) ao do mesmo período de 2014, segundo datos que fixo públicos a patronal de grandes construtoras, Seopan. As obras promovidas no catro meses previos ás eleccións municipais e autonómicas celebradas o 24 de marzo superan en máis de 600 millóns de euros ás promovidas un ano antes.

As autonomías licitaron obras por máis de 1.300 millóns nos catro primeiros meses do ano, case o dobre que no mesmo período de 2014

Así mesmo, os proxectos de obras públicas licitados polas administracións autonómicas neste período supuxeron unha terceira parte (o 33,8%) do total postos en marcha a escala estatal, taxa que duplica á do 15% que representaron un ano antes.

Canarias, Aragón e o País Vasco son as comunidades onde máis creceu a obra pública entre os pasados meses de xaneiro e abril, aínda que no caso de Euskadi non se celebraron comicios. Galicia, onde tampouco houbo eleccións autonómicas e a cita limitábase ás municipais, a Xunta fixo tamén un grande esforzo xa que triplicou a licitación de obra pública en relación ao mesmo período do ano anterior, ao sacar a concurso traballos por valor de 77 millóns de euros.

A Xunta sacou a concurso traballos por máis de 77 millóns, tres veces máis que un ano antes

Así, a Xunta de Galicia sacou a concurso obras por 77,4 millóns, tres veces máis (+217%) que un ano antes, a Comunitat Valenciana licitou obras por 95 millóns, un 51% máis e, tras a xa mencionada de Andalucía, Castela e León promoveu novos traballos por 53 millóns, un 33,8% máis.

Ademais, o Goberno canario sacou a concursos proxectos no catro primeiros meses por 108 millóns de euros, importe que multiplica por máis de once ao dun ano antes. Doutra parte, Aragón licitou traballos por 172,1 millóns, oito veces máis que en 2014, e Euskadi multiplicounos por nove (+791%), até sumar un investimento de 100,36 millóns de euros.

No lado oposto, Andalucía, que xa celebrou eleccións para o Goberno rexional o pasado mes de marzo, é unha das dúas comunidades que pechou o primeiro cuadrimestre do ano cun descenso na promoción de obra pública, concretamente do 29%, até 69,8 millóns. A outra é Murcia, cun descenso do 68%, até 15,3 millóns.

Por volume de investimento en obra pública, a Comunidad de Madrid é a que máis recursos destinou a sacar a concurso novos proxectos autonómicos, dado que entre xaneiro e abril licitou obras por 243,4 millóns de euros, un 17,2% máis que un ano antes. Despois situouse Catalunya, onde a pesar de que tampouco celebraron eleccións autonómicas, que licitaron obras por 203,75 millóns de euros, o dobre (+121%) que o ano anterior, e as xa referidas de Aragón, Canarias e o País Vasco.

Por outra banda, Estremadura disparou un 80% a licitación de obras públicas entre xaneiro e abril, de forma que sumou 44,8 millóns de euros, o Principado de Asturias case a triplicou (+179%) e sumou 39,6 millóns e Castela-A Mancha promoveu obras por 38,4 millóns, mentres que no mesmo período de 2014 non iniciara ningunha.

Do mesmo xeito, a licitación de obras do Goberno de Navarra case se triplicou (+185,9%) no primeiro cuadrimestre do ano e sumou 24 millóns de euros, a de Cantabria multiplicouse por oito, até supor 12,6 millóns, a de Baleares por máis de dúas (cun total de 12,06 millóns) e a da Rioxa disparouse un 83,5%, até 11,5 millóns.

Feijóo, nunha visita ás obras do hospital de Vigo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.