A Xunta ofertará 1.919 prazas nas oposicións de Educación, máis da metade para Secundaria

Oposicións da Xunta no recinto feiral de Silleda en 2016 © Xunta

A Xunta anunciou este xoves as grandes cifras da oferta pública de emprego que prevé realizar este ano a Consellería de Educación. A proposta que o Goberno galego formulará aos sindicatos "nas próximas semanas" será a de convocar un total de 1.919 prazas, o dobre que o ano pasado, cando se convocaron 1.043 prazas, 912 delas de ingreso e o resto de promoción interna.

Das 1.919 prazas deste 2018, 1.050 serán para o ensino secundario, máis do dobre das 432 do ano pasado. A oferta tamén se duplicará en FP, onde pasará de 80 a 160 prazas, e incrementarase moito máis para os catedráticos de música e artes escénicas, onde pasan de 21 a 105. No corpo de mestres do ensino primario, este ano haberá 574 prazas, fronte as catrocentas do pasado ano. Este ano tamén haberá unha oferta de 30 prazas para as escolas oficiais de idiomas.

O ano pasado o PP acusou á esquerda de impedir as oposicións por non aprobar os orzamentos do Estado, pero finalmente estas convocáronse como cada ano

O ano pasado a convocatoria de emprego público foi empregada polo PP e o Goberno galego para lanzar os opositores contra a esquerda co argumento de que a negativa destes partidos a aprobar os orzamentos do Estado impedía á Xunta aprobar as oposicións. Finalmente non foi así e as oposicións foron convocadas como cada ano.

A Xunta aínda non detallou as cifras concretas de prazas por especialidades, pero segundo a súa nota de prensa "no corpo de mestres convocaranse prazas nas de Educación infantil, Lingua estranxeira Inglés, Lingua estranxeira Francés, Educación Física, Música, Pedagoxía terapéutica, Audición e linguaxe e Educación Primaria".

No ensino secundario, segundo a Xunta as especialidades "serán as de Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Orientación educativa, Tecnoloxía, Lingua galega e literatura, Intervención Sociocomunitaria, Organización e Xestión Comercial, Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos, Procesos Diagnósticos Clínicos e Produtos Ortoprotésicos, Procesos Sanitarios e Sistemas Electrotécnicos e Automáticos".

No caso do corpo de profesores técnicos de formación profesional, as especialidades serán as de "Estética, Instalación e Mantemento de Equipos Térmicos e de Fluídos, Operacións e equipos de Produción Agraria, Procedementos de Diagnóstico Clínico e Ortoprotésico, Procedementos Sanitarios e Asistenciais, Procesos Comerciais e Servizos de Restauracións". O Goberno galego non ofreceu máis información.

Proposta de oferta pública de emprego en Educación que a Xunta trasladará aos sindicatos para este 2018 Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.