A Xunta pide a Fomento que corrixa os carteis de “La Toja” colocados na AP-9

Indicador de 'La Toja' na AP-9 CC-BY-SA Praza Pública

No marco dunha campaña a nivel estatal para sinalizar os balnearios nas principais autoestradas e autovías, Audasa, concesionaria da AP-9, colocou na súa vía hai uns meses nas inmediacións da saída do Salnés dous carteis, un en cada sentido, indicativos da Illa da Toxa. Pero xunto co topónimo oficial aparece tamén a denominación deturpada “Isla de la Toja”. A Xunta admite que o cartel incumpre non só a lei de normalización lingüística senón tamén a normativa estatal en materia de sinalización de estradas, polo que vén de solicitar ao Ministerio de Fomento, titular da autoestrada, que corrixa a situación.

A Xunta salienta que a normativa estatal sobre sinalización obriga a empregar o topónimo oficial

Cando apareceron os carteis na autoestrada, o BNG formulou unha pregunta parlamentaria sobre a cuestión. Agora a Xunta vén de contestarlle admitindo a ilegalidade. Segundo lembra, de acordo coa lei de normalización lingüística de 1983, “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. Do mesmo xeito, di que a lei pola que en 2010 se adaptaron varias normas galegas á directiva europea que regula o mercado interior “establece que os prestadores de servizos que operen no territorio da comunidade autónoma de Galicia, con independencia do lugar de establecemento orixinario, deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüística”. A Xunta tamén constata o incumprimento da normativa estatal en materia de sinalización vertical das estradas aprobada en 2014 polo actual Goberno, que “di que nas comunidades autónomas que tiveran outro idioma oficial ademais do español os nomes propios (poboacións, provincias, comunidades autónomas, etc.) escribiranse unicamente no topónimo oficial). Ante esta situación, e “tendo en conta que a AP-9 é unha vía dependente da Administración Xeral do Estado”, a Xunta “puxo en coñecemento” de Fomento a situación “co fin de que se adopten as medidas oportunas”.

A conta de Twitter da ministra Pastor divulgou este luns un texto co topónimo "Sansenxo"

Xusto este luns a ministra de Fomento, Ana Pastor, volveu tropezar coa toponimia galega. Pouco despois do mediodía a conta de Twitter da ministra divulgaba unha foto dela cun texto sobre a visita que estaba a realizar á feira de “Sansenxo”, cunha errata no topónimo de Sanxenxo.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.