A Xunta prepara o terreo para unha nova visita papal

O presidente da Xunta, este xoves en Asís (Italia) © Xunta

O 1 de marzo de 2010 o presidente da Xunta viaxaba ao Vaticano. Tras o que a Xunta presentou como unha "audiencia" de Bieito XVI a Alberto Núñez Feijóo e que en realidade -como explicitou a Igrexa- era unha viaxe do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, na que o xefe do Goberno galego acudiu como parte do "séquito" do relixioso, o presidente anunciou que lle expresara ao papa o "máximo interese" en que visitase Santiago. Pouco despois confirmábase que o 6 de novembro era a data elixida para a visita papal. Este xoves Feijóo viaxou á cidade italiana de Asís e deixou patente unha vontade semellante, desta volta dirixida ao novo papa, Francisco.

A visita de Joseph Ratzinger a Compostela produciuse no remate do Xacobeo 2010 e foi presentada pola Xunta como unha oportunidade "histórica". Os 3 millóns de euros que saían das arcas públicas galegas para financiar o evento amosábanse como un investimento mentres boa parte da hostalería da capital se apresuraba en mercar víveres para unha suposta marea de visitantes que ían acudir ver o líder relixioso. Finalmente, non houbo multitude ningunha. O papa percorreu un traxecto que en gran parte estivo baleiro e os arcóns conxeladores dos restaurantes ficaron cheos de marisco. Nalgúns, os únicos clientes foron axentes antidisturbios que compuñan o enorme dispositivo de seguridade.

A anterior visita papal custou 3 millóns de euros, Ratzinger percorreu un traxecto que en boa medida estivo baleiro

Malia ao picazo de 2010 o Goberno galego semella disposto a cumprir o desexo de Feijóo, quen pouco despois de despedir a Bieito XVI expresou a vontade de traer un papa a Galicia "en cada lexislatura". Aproveitando a súa visita a Asís, onde inaugurou unha exposición sobre o Camiño de Santiago, o presidente proclamou que "Galicia tamén rende tributo a San Francisco de Asís porque no seu momento o santo fixo o mesmo coa nosa terra, por iso peregrinou a Santiago". No marco da conmemoración do oitavo centenario desa peregrinaxe, declarada acontecemento "de especial interese público" -cos seus correspondentes beneficios fiscais-, Feijóo realizoulle "un novo chamamento ao bispo de Roma, o Papa Francisco" para que "acuda a Santiago e volva sobre os pasos do ilustre peregrino a quen debe o seu nome.

As autoridades vaticanas aseguran que Francisco será "moi sensible" á petición da Xunta para acudir a Compostela

A xuízo do titular da Xunta esta é "unha oportunidade irrepetible para que o vigairo de Cristo renda homenaxe de novo a Francisco". Neste marco, o líder conservador non aforra argumentos sobre a ligazón do país con esta figura. "O fervor pola expiación da humanidade" é "compartido por Francisco de Asís e a curia compostelá", di o presidente, quen ademais explicou en Italia que "a peregrinación e o Camiño de Santiago son un dos piares fundamentais da historia de Galicia".

Neste contexto, semella que a petición gobernamental xa empeza a cobrar forma. Así, o ministro xeral da orde franciscana, o galego José Rodríguez Carballo, expresaba este xoves que o papa Francisco será "moi sensible" á petición. O tamén secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada -unha caste de membro do Goberno vaticano- cre que a visita á capital galega pode ser o "complemento total" ás conmemoracións sobre san Francisco. "O Santo Padre ten moito interese en visitar Santiago", asegura. Resta saber, polo tanto, canto custará e se, de novo, será presentada como unha vía rápida e divina para saír da crise.

Feijóo, con Bieito XVI o 6 de novembro de 2010, en Compostela © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.