A Xunta proclama que só apoia a minaría "comprometida co país"

Mina a ceo aberto © SLG

Corcoesto, a serra do Galiñeiro, A Terra Chá, A Limia, Castrelo de Miño... Son enclaves do país sobre os que paira a sombra da minaría, unhas explotacións industriais efémeras presentadas dende a Administración autonómica como oportunidades de desenvolvemento económico e emprego e vistas con receo dende colectivos veciñais e ecoloxistas polo seu impacto ambiental e polos riscos para o tecido socioeconómico tradicional. Neste contexto o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces saía este mércores á palestra para, aproveitando unha resposta parlamentaria ao BNG, realizar unha acendida defensa da política mineira da Xunta. O gabinete de Feijóo, asegura, só sustenta legal e economicamente a minaría "comprometida co país".

"Nós non apostamos por calquera tipo de minaría", proclama o alto cargo da Consellería de Industria. "Apostamos por unha minaría moderna, segura, medioambientalmente sostible". "Con esta sentenza" o que pretende é "afirmar" que "no caso de que se outorgue a concesión" pola que preguntaba a nacionalista Tereixa Paz, a dunha canteira para a extracción de pedra Castrelo de Miño, esta será "compatible co medio natural". Esa explotación recibiu o pasado setembro a "declaración de incidencia supramunicipal" por parte do Consello da Xunta. Para o BNG isto "non é baladí", toda vez que "este proxecto xa fora presentado anteriormente sen esa declaración e fora rexeita, fundamentalmente pola intervención do Concello".

O BNG coida que a Xunta cambia o xeito de tramitar a canteira de Castrelo de Miño para esquivar a oposición do Concello

"Podería tratarse dunha manobra para evitar a capacidade de oposición por parte do Concello", argumenta a parlamentaria do Bloque, quen lembra que se a Xunta tramitase o proxecto cinguido a un único municipio o consistorio podería seguir a alegar a "incompatibilidade da actividade extractiva" coa ordenación urbanística municipal e cos espazos protexidos da zona, tales como "masas forestais" e "elementos xeolóxicos, etnográficos e hídricos". A estes riscos, lembra, engádese "unha cuestión que non é menor": a canteira "interfire, e así o manifestan dende o Consello Regulador, coa actividade esencial para manter a actividade económica" da comarca, a actividade vitivinícola.

Pero segundo Tahoces a "utilización da incidencia supramunicipal", lonxe de ser unha manobra, "é unha garantía, porque é o instrumento que permite verificar a compatibilidade ou incompatibilidade co territorio". A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da mina "aínda non está emitida" e, polo tanto, sinala, "debemos esperar, porque nin podemos nin debemos falar á lixeira". As explicacións do director xeral non convencen, así e todo, á deputada do BNG. "A única virtualidade que ten" a declaración de incidencia supramunicipal é "poder facer unha cousa en solo rústico especialmente protexido que doutra forma non se podería facer", por iso "a primeira vez o Concello puido denegalo". Pero agora, censura, a Xunta está a facilitarlle a implantación, unha vez máis, dun "modelo que non trae consigo ningún desenvolvemento" para o futuro da comarca e do país.

Tahoces, nun intre do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.