"Para o mellor cumprimento das súas funcións parlamentarias, os deputados (...) terán a facultade de solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas". O artigo 9 do Parlamento de Galicia establece deste xeito a obriga da Xunta a respecto das peticións de información das persoas que sentan no lexislativo galego. O Goberno está obrigado a achegarlles aos parlamentarios todos os documentos que reclamen, un dereito que, como non podía ser doutro xeito, os sucesivos Executivos viñeron cumprindo, aínda que as máis das veces modulando as respostas por diversos motivos. A oposición ten claro que por tras desa modulación só hai un factor: o interese político. Ao longo dos anos, algúns deputados téñense convertido en verdadeiros expertos da petición de documentos. No Pazo do Hórreo aínda se lembran, por exemplo os eternos contenciosos entre o conservador Ignacio López-Chaves e a ex conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, co parlamentario indo a San Caetano á procura de fotocopias. No actual mandato, un dos deputados máis activos é o socialista José Manuel Lage Tuñas, a quen a Xunta o ten acusado de tentar "obstruír" o seu traballo.
Á marxe de tirapuxas partidarios, unha ollada á memoria de actividade parlamentaria, que os servizos de asistencia elaboral semestralmente dende a chegada de Pilar Rojo á presidencia, permite coñecer o grao de dilixencia do Goberno á hora de responder estas peticións. E na actualidade, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo non sae especialmente ben parado. Non en van, os datos din que entre xullo e decembro de 2011, isto é, no último período de sesións completo, PSdeG e BNG non recibiron resposta ao 76% das peticións de documentación que presentaron.
O 84% das peticións do BNG aínda non foron respondidas
Impulsado en boa medida pola intensa actividade de Lage neste ámbito, é o Grupo Socialista o que encabeza significativamente as reclamacións de documentos pola vía do artigo 9. No período analizado, o PSdeG presentou ante a Xunta 181 peticións de documentos. Destas comezaron a tramitarse 130 e só se completaron 51, isto é, o 72% seguen á espera. A continuación dos socialistas sitúase o BNG, que se dirixiu ao Executivo galego en 91 ocasións á procura de papeis. Os trámites da petición comezaron en 76 ocasións e só se completaron en 15, convertendo aos nacionalistas no grupo máis prexudicado pola tardanza, dado que un 84% das súas solicitudes non se completaron ata o momento.
Como adoita acontecer na práctica parlamentaria dos grupos que sustentan os sucesivos gobernos, o número de peticións de documentos dende as filas do PP é anecdótico. Entre xullo e decembro de 2011 reclamaron papeis en catro ocasións, tres das cales foron tramitadas e unha, respondida.