A Xunta repartiu un millón 'a dedo' entre os medios de xaneiro a abril

Feijóo, na entrega dun premio de xornalismo © Conchi Paz

"De onde sacas esa información?". Quen pregunta é un alto cargo da Xunta pouco despois do retorno do PP ao poder en 2009. A estrañeza que desprendía tal cuestionamento, dirixido a un xornalista, derivaba do descoñecemento práctico do decreto 126/2006 que, ao abeiro da Lei de Transparencia do mesmo ano, instauraba a obriga de facer públicos os convenios entre o Goberno galego e outras administracións, empresas ou entidades. Esa vía, a dos convenios, é a que vén empregando o Goberno galego con maior asiduidade dende os tempos de Fraga para financiar os medios de comunicación. Nos primeiros catro meses do ano achegoulles a varias empresas do sector case un millón de euros con este mecanismo.

Segundo a última conta xeral da comunidade autónoma que xa pasou a fiscalización do Consello de Contas, a de 2010, os convenios e outras figuras nas que non media a concorrencia competitiva son a canle pola que o Executivo envía máis de tres cuartas parte dos cartos que inxecta nos medios, que nese ano foron uns 13,8 millóns -Contas só rexistra as achegas que superan os 100.000 euros por medio-. Desa suma total unicamente 1,7 millóns foron repartidos a través dunha convocatoria pública e competitiva, mentres que 9,7 millóns se distribuíron mediante convenios, nos que o criterio gobernamental é o único condicionante, e o resto en compra de exemplares, publicidade e outras subvencións.

Mentres non son públicas as fiscalizacións das contas xerais dos anos seguintes a vía para coñecer estas achegas é unha análise dos datos que obriga a publicar o devandito decreto, xa sexa a través do Rexistro de Convenios da Consellería de Presidencia ou do Diario Oficial de Galicia. Estes dous mecanismos permiten coñecer que entre xaneiro e abril de 2014 a Xunta distribuíu 911.105,88 euros pola vía dos convenios, que beneficiaron a un total de once empresas de comunicación, na súa práctica totalidade editoras de xornais impresos.

Os obxectivos dos convenios son, segundo a Xunta, fomentar a lectura e as "novas tecnoloxías" entre o alumnado do ensino público

A maior parte destes fondos, máis de 522.000 euros, proveñen de convenios subscritos pola Secretaría Xeral de Medios, departamento con dependencia directa da Presidencia da Xunta. Son, desta volta, dous grupos de convenios, nos que a literalidade do primeiro di que o seu obxectivo é o "fomento da lectura da prensa escrita entre o alumnado" do ensino público. Este fomento da lectura ten un impacto de 353.985,88 dos que máis de 149.000 chegaron a La Voz de Galicia e case 70.000, a Faro de Vigo. Os seguintes medios máis beneficiados son El Progreso, con case 28.000 euros e La Región, con máis de 25.000.

Estas mesmas editoras de diarios impresos benefícianse doutro reparto, no que o destino dos cartos son as súas edicións dixitais para, segundo a Xunta, o "fomento do uso das novas tecnoloxías de información e comunicación entre o alumnado" dos mesmos colexios públicos. Neste caso o montante total achégase aos 170.000 euros e o reparto está encabezado pola división dixital do Grupo Voz, con 90.400 euros, seguido por Faro de Vigo, con 32.500 e La Opinión, con algo máis de 13.000. A continuación sitúase El Correo Gallego, ao que lle tocaron case 10.000 euros e El Progreso, con case 8.000.

Axudas polo galego a medios en castelán

Educación repartiu 388.000 euros de normalización lingüística a medios en castelán

Á marxe dos convenios da Secretaría Xeral de Medios neste primeiro cuadrimestre do ano o Goberno tamén repartiu axudas directas a través da Consellería de Educación para, neste caso, "contribuír á normalización e promoción da lingua galega" e "conseguir que cada vez sexa maior a implantación do galego nos medios de difusión en todos os ámbitos sociais, normalizando o seu uso a través da prensa escrita e das webs dos xornais na súa liña informativa en calquera tipo de noticias, temas de actualidade, crónicas e igualmente nos artigos de opinión". Nestas axudas o departamento que dirixe Jesús Vázquez investiu 388.220 euros, todos para medios editados íntegra ou maioritariamente en lingua castelá.

Segundo consta no Rexistro de Convenios estes acordos están vixentes dende o pasado abril e ata o mes de novembro e implican unha achega de 149.000 euros para La Voz de Galicia, de 60.000 para El Progreso e de 40.000 para Faro de Vigo. Tamén hai fondos de normalización lingüística para La Región, con 35.000 euros e La Opinión, con 30.000. A Axencia Galega de Noticias, do Grupo El Progreso, leva 43.000 euros, mentres que a axencia estatal EFE obtén 43.000 e os xornais do grupo La Capital -editora do Ideal Gallego ou o Diario de Ferrol, entre outros- quedan con 8.220 euros.

Feijóo, na entrega dun premio de xornalismo © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.