A Xunta sentencia que Galicia xa gaña cartos grazas ao vídeo de Enrique Iglesias

Feijóo e Nava Castro, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

Enésimo capítulo do affaire Enrique Iglesias e enésima xustificación dos 302.500 euros que a Xunta lle pagou á produtora do artista polo controvertido videoclip Noche y de día, no que Galicia aparece apenas 40 segundos dos máis de catro minutos de montaxe, centrado nunha ficticia rave representada no mosteiro de Carboeiro. Máis dun mes despois do inicio da polémica a Axencia de Turismo de Galicia, que contratou o vídeo a través dun procedemento negociado sen publicidade, vén de responder unha pregunta parlamentaria na que as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán a instaban a explicar o gasto. O departamento autonómico non só o xustifica, senón que dá os cartos por recuperados.

Despois de que o propio presidente da Xunta xa dese en identificar reproducións do vídeo en YouTube con persoas individuais -foi reproducido 6,4 millóns de veces e compartido unhas 50.000- a axencia que dirixe Nava Castro enmarca o que denomina como "acordo coa empresa Universal Music Spain" no seu obxectivo de "dar a coñecer Galicia en países estranxeiros", un dos "piares fundamentais" da súa política turística. "Esta promoción -augura antes de dar dato ningún- vai ter tanto beneficios directos como indirectos para Galicia" xa que, afirma, "a metade da inversión xa reverteu na nosa comunidade". Por que? Porque o IVE "volve directamente ao Estado" e porque na produción participaron "empresas e profesionais galegos".

Así e todo, a cerna da argumentación gobernamental volve de novo a internet, aínda que non ás estatísticas do vídeo en cuestión. Así Turismo apela ao "recoñecemento mundial" do "artista que protagoniza o videoclip", ás visitas da súa web, aos perfís que o seguen nas redes sociais xerais como Facebook e Twitter e tamén aos "numerosos seguidores" en redes musicais como "Myspace ou Bebo -en referencia a Vevo-". "Suman un total de máis de 69 millóns de seguidores en internet", afirma. "En definitiva -enxalza- os seguidores de Enrique Iglesias cóntanse por millóns e distribúense ao longo e ancho do mundo" e ademais "abarca todas as idades e condicións sociais e económicas".

A Xunta baséase nas estatísticas dun videoclip anterior para concluír que "o investimento xa estaría case duplicado" grazas aos "seguidores" de Iglesias "ao longo e ancho do mundo"

Neste escenario, a axencia pública detense tamén nas estatísticas e reproducións dun videoclip. Pero non do contratado, senón doutro, o da canción Bailando, que o mesmo artista difundiu en español, inglés e portugués hai case un ano. Esta montaxe, eloxia, "bateu todos os récords dun vídeo cunha canción en español" con "661,366 millóns de visitas" en Vevo e YouTube, e "máis de 126.467 millóns de streams en Spotify". "Tendo en conta estas cifras" a Xunta realiza "unha estimación previa sumamente á baixa" para "concluír que, contando tan só con que visionen o videoclip a quinta parte dos que viron o anterior, é dicir, 100 millóns en lugar de 500 millóns, xunto a unha valoración do impacto dixital, o retorno superaría os 950.000 euros só grazas ao impacto de YouTube".

Do mesmo xeito, Turismo segue "este mesmo criterio" para sentenciar que "só cos 500 millóns de seguidores de Facebook que recibirían o videoclip nas súas contas o impacto sería de 475.000 euros", o que leva o Goberno a concluír que "o investimento xa estaría case duplicado", é dicir, que se gañaron cartos co pagamento. "A isto habería que engadir a repercusión acadada nas televisións e na prensa, cuxa valoración sería moito maior por tratarse de publicidade analóxica". "Con esta acción -finaliza- Galicia promocionarase a nivel internacional e darase a coñecer a un público que ata o de agora era inalcanzable".

Escena do vídeo de Enrique Iglesias © Universal Music Spain

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.