O 'cheque bebé' de 100 euros ao mes por nacemento foi o anuncio máis pirotécnico dos lanzados por Alberto Núñez Feijóo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura. Unha semana despois do anuncio xa son públicos os Orzamentos Xerais de 2016, que financiarán a medida. No entanto, o plan lanzado entre acusacións de "electoralismo" segue inmerso nun mar de incógnitas que non se despexan en exceso nin tras a lectura dos documentos orzamentarios. Así e todo, dende San Caetano xa se ofrece unha certeza: este cheque só está garantido, cando menos de momento, para un ano. Isto é, para os nenos e nenas que nazan no ano electoral de 2016, cuxas familias disporían da prestación durante os doce meses seguintes ao nacemento.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, remitiu durante a presentación das contas "aos vindeiros días" para ofrecer detalles do cheque. Será o novo responsable de Política Social, José Manuel Rey, di, quen explique e aplique as axudas. Mentres, o responsable das contas públicas limítase a xeralizar que o subsidio beneficiará a "amplas capas medias da sociedade" e que terá un impacto no orzamento de entre 9 e 10 millóns de euros. Non é, en ningún caso, asegura, unha medida "electoralista"
O Goberno nega que a medida sexa "electoralista"
Así as cousas, se son adxudicados 100 euros mensuais durante un ano a cada nacemento en familias que cumpran os -aínda descoñecidos- requisitos, unha dotación de 10 millóns serviría para financiar cheques para uns 8.300 bebés. Cun número de nacementos semellante ao de 2014 -algo máis de 19.000- isto suporía dar unha axuda a algo máis do 40% das nenas e nenos que nazan, se ben o Goberno asegurou que chegaría a oito de cada dez familias. A consecución dese horizonte do 80% das familias, aclárase dende o Goberno galego a este diario, procurarase porque é previsible que os Orzamentos de 2017 -que elaborará o próximo Executivo- tamén inclúan dotación para cubrir as axudas que se teñan que seguir pagando nese vindeiro exercicio aínda que o proxecto de 2016 non inclúa unha programación plurianual ao respecto.
Coa dotación avanzada por Facenda a axuda chegaría a arredor do 40% dos nacementos, se ben a Xunta asegura que beneficiará a oito de cada dez familias porque as axudas, previsiblemente, tamén terán dotación en 2017
Mentres o Goberno despexa as incógnitas -este mércores o Parlamento ordena as comparecencias nas que os conselleiros explicarán cadansúas contas-, unha ollada ao proxecto orzamentario permite deducir de onde sairá o cheque bebé, aínda que este non apareza como tal nos cadros da nova Consellería de Política Social. Dentro dos 54,6 millóns de euros que este departamento destina a transferencias correntes aparece unha nova partida de 15,4 millóns para "conciliación e dinamización demográfica" que non existía na antiga Consellería de Traballo e Benestar. Así, cabe agardar que sexa este montante o que financie o cheque bebé e outras medidas aínda non explicadas como o 'bono coidador'.
Alén do cheque bebé, o considerado novo conselleiro estrela do gabinete Feijóo disporá dun orzamento social maior que a súa antecesora nesta área, Beatriz Mato, agora responsable de Medio Ambiente e Territorio. Así, a función de acción social sobe un 12% a respecto de 2015. Nesta liña, os fondos para a atención a persoas en situación de dependencia soben un 8%, ata os 324 millóns, a área de protección e inserción social gaña un 16%, ata os 74 millóns, e as políticas de mocidade disporán dun 11% máis, que deriva de achegarlles 2 millóns de euros adicionais. Pola contra, o programa de dirección e servizos xerais de acción social perde un 21% e fica en 39 millóns e a reducida área de solidariedade cae aínda un 7% máis, ata ficar en 1,2 millóns.