A Xunta sobe as axudas para o galego na escola privada malia recortar o 70% en normalización

Jesús Vázquez, nun acto público recente © Xunta

Unha suba no medio da escaseza. As partidas dos Orzamentos Xerais da Xunta para fomento do galego perderon sete de cada dez euros dende o regreso do PP ao poder. Como detallou Praza Pública, estes programas de investimento pasaron de teren asignados 21,7 millóns de euros en 2009 a 7,5 millóns en 2013. Isto significa que, fronte á caída xeral das contas públicas do Goberno galego "a niveis de 2006", as partidas para promocionar a lingua propia desplómanse moito máis, xa que nese ano o fomento do galego contaba con 14,5 millóns máis. Pero neste contexto de duras retalladas semella que a Consellería de Educación está a optar por facer unha excepción nas achegas para proxectos de fomento do galego no ensino privado.

Malia ter un discreto financiamento, o certo é que a orde de subvencións "para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada" para ensino non universitario no curso 2012-2013, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), chega cunha suba. Segundo consta nesta orde, asinada polo conselleiro Jesús Vázquez, o crédito asignado para financiar estes proxectos é de 22.600 euros. Esta cantidade, minúscula se é comparada coas magnitudes orzamentarias totais, é menos reducida que hai un ano. Concretamente, é un 25% máis que na convocatoria de subvencións do curso 2011-12, cando Educación dotou estas axudas con 18.000 euros.

As partidas para fomento do galego perderon sete de cada dez euros dende o retorno do PP á Xunta

Se cadra, a suba deste curso pretende compensar parcialmente o recorte aplicado no curso pasado, xa que eses 18.000 euros foi o que quedou tras retirar 32.700 euros da orde de subvencións a respecto do curso 2010-2011, cando o departamento de Vázquez asignou 50.700 euros para esta partida. Así e todo, esa retirada de fondos sitúase nunha porcentaxe do 64%, isto é, a tesoirada é seis puntos porcentuais menor que a sufrida polo conxunto de partidas destinadas a fomentar o galego non só no ensino, senón no conxunto de actividades e sectores do país.

Para repartir estes cartos a Xunta terá en conta criterios como o "grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto", o "nivel de orixinalidade nas propostas" ou o "nivel de utilización de novas tecnoloxías". O "financiamento máximo" que recibirá cada centro será de 150 euros, en colexios con menos de 25 alumnos e alumnas, 300 euros, para os que teñan unha  matrícula de entre 25 e 50 rapaces e rapazas, e de ata 800 euros para un alumnado de máis de 50 persoas.

Jesús Vázquez, nun acto público recente © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.