Esclavas de la Virgen Dolorosa é unha organización relixiosa que ten unha residencia en "Creciente" (di textualmente na súa páxina web) que ten como finalidade a atención de enfermos psíquicos e de mulleres embarazadas e en risco de exclusión social. Ao igual que fixo a Comunidad de Madrid en varias partidas orzamentarias, a Xunta de Galicia vén de aprobar un convenio de colaboración para manter o centro que esta organización ten en Crecente. A residencia chámase Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey.
En concreto a subvención aprobada este xoves por parte do Consello da Xunta ascende a 1.038.441,60 euros. Tendo en conta que ten 68 prazas, cada unha delas recibe unha axuda directa de 15.271,2 euros. Unha contía importante, cando menos, tendo en conta a situación actual non só das contas públicas, senón dos recortes e das prioridades que o Executivo de Feijóo establece nas súas partidas de gasto.
"Viron os seus albores de Fundación en Madrid, no 1935, cando España vivía graves enfrontamentos sociais, preludios dun conflito fraticida que sementaría morte e destrución"
Na súa páxina web, Esclavas de la Virgen Dolorosa refire que, alén da atención a persoas maiores e con discapacidade intelectual, a súa "obra apostólica" se centra no "servizo de atención e rehabilitación das nais solteiras, xunto co coidado dos seus fillos, ofrecéndolles a capacitación para unha vida de traballo honrado", así como na "acollida e dedicación ás mozas adultas discapacitadas mentalmente, co fin de preservalas de posibles perigos".
Quen son?
Tomando datos unicamente da súa web, Esclavas de la Virgen Dolorosa di o seguinte sobre a súa creación: "viron os seus albores de Fundación en Madrid, no 1935, cando España vivía graves enfrontamentos sociais, preludios dun conflito fraticida que sementaría morte e destrución". Nas casas que teñen, entre elas a de Crecente, traballan para prestar "axuda e atención directa a cada nena segundo as súas propias necesidades, que para salvalas non se escatima medio algún que faga paliar a súa problemática, e poder ofrecerlle unha vida digna, respectuosa e feliz, dentro das súas marcadas limitacións, como persoa humana e especialmente amadas por Deus".