A Xunta valora "algunha axuda" para a luz mentres evita os plans contra a pobreza enerxética

Feijóo, nun acto de Gas Natural Fenosa en Belesar © Conchi Paz

Os fogares galegos nos que entran menos de 1.000 euros ao mes tiveron que afrontar unha suba do gasto na factura da luz de case o 60% en tres anos, pasando de apenas 28 euros mensuais en 2008 a case 45 en 2011, segundo datos do Instito Gaelgo de Estatística. Isto acontece nun contexto no que dous de cada tres habitantes admiten chegar con dificultades a fin de mes e co 18,3% dos fogares de Galica sen "unha temperatura suficientemente cálida durante os meses fríos", por riba da media estatal atendendo ás estatísticas do INE. Ante esta problemática, agudizada pola crise económica e englobada baixo o nome de "pobreza enerxética", colectivos sociais e grupos políticos da oposición veñen reclamando medidas concretas da Xunta, que agora di valorar a posibilidade de establecer "algunha axuda" mentres, no entanto, o PP rexeita todos os plans que se lle propoñen.

O primeiro rexeitamento expreso ao respecto chegou o pasado decembro no Congreso dos Deputados. Alí o grupo de Izquierda Plural propuñar seguir a recomendación do Comité Económico e Social Europeo e, entre outras medidas, xeralizar as denominadas "treguas invernais", isto é, as limitacións ao corte de subministros enerxéticos durante os meses fríos que xa funcionan noutros Estados do continente. A iniciativa defendida pola deputada Laia Ortiz bateu contra a maioría absoluta do PP, que a través do deputado Mario Francisco José Flores non considerou "xustificada" a proposta despois de "solidarizarse" con "aquelas persoas que teñen dificultades para manter un fogar en condicións". "Compromiso e sensibilidade social non lle faltan a este Goberno", agregou.

O PP rexeitou no Congreso e no Parlamento establecer treguas invernais

A batalla política para a aprobación de medidas concretas contra a pobreza enerxética dábase tamén naquelas datas en Galicia, onde o BNG xa traballaba tamén en iniciativas para impedir "os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar as facturas", cando menos "durante o período máis duro do inverno". "Os niveis de pobreza en Galiza, así como as duras condicións climatolóxicas deste inverno fan especialmente necesario que o Parlamento galego se posicione a respeto da pobreza enerxética e das súas dramáticas consecuencias", argumentaron nunha iniciativa asinada por Francisco Jorquera e Carme Adán. A proposta chegou ao pleno do Parlamento a mediados de febreiro e alí Adán censurou que "existan millóns de euros para rescatar a banca e ás empresas, mesmo aquelas que se dedican a enerxía, gas ou petróleo pero non existen cartos para sufragar ás familias que non poden acceder neste momento á luz". O PP, de novo, votou en contra.

Esperando a Rajoy e Soria

O debate volveu ao Parlamento galego esta mesma semana, desta volta da man de AGE, que a través de Juan Fajardo instou o conselleiro de Industria a aclarar se entra nos plans do Executivo aplicar "un programa de fogares habitables" en forma de "axudas económicas para garantir o subministro dos elementos enerxéticos básicos para que ningún fogar os perda por impago". O titular de Economía, Francisco Conde, asegurou coñecer os "apuros" de "moitas familias para facerlles fronte aos seus hábitos de consumo e gasto enerxético", un problema que "non é novo". O gabinete de Alberto Núñez Feijóo, asegura, traballa para "mellorar a situación social das familias" dende a convicción de que "a mellor política social é a creación de emprego e por esa meta traballamos cada día". O Goberno central, pola súa banda, argumentou, está traballando para "corrixir a herdanza que deixou o PSOE en canto ao déficit tarifario e o seu impacto no prezo da luz".

A Xunta di estar agarando "a que se definan os parámetros para que un consumidor teña a consideración de vulnerable"

Esa espera polas decisións do Goberno central é tamén un dos argumentos nunha resposta parlamentaria sobre o mesmo tema que a Xunta lle fixo chegar a AGE. Nela o Goberno di ser "consciente" de que en Galicia "existen persoas que viven en fogares con pobreza enerxética" e, posto que é "un Goberno comprometido socialmente, non ignora este gravísimo problema". "Neste sentido", o Goberno reproduce a definición de "consumidores vulnerables" que recolle a nova lei do sector eléctrico e a súa regulamentación do coñecido como bono social e acrecenta a súa explicación  evidenciando que "en Galicia tempos a Risga [Renda de Inserción Social], destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles".

Pero, que van facer para evitar a pobreza enerxética? "A Xunta de Galicia está estudando a posibilidade de habilitar algunha axuda en concepto de subsidio eléctrico e social", pero non o fará polo momento. A razón é que "está á espera de que se definan claramente os parámetros que van ser necesarios cumprir para que un consumidor eléctrico teña a consideración de consumidor vulnerable". Queda menos dun mes de inverno.

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.