A Xunta ve "necesario" o gasto de 25 millóns en propaganda

Rueda responde á pregunta do BNG CC-BY-SA Praza Pública

O pasado maio unha resposta escrita da Xunta ao BNG permitía, por primeira vez, coñecer a través do propio Goberno unha cifra de gasto público en publicidade e propaganda institucional. Segundo o propio Executivo, a primeira lexislatura de Alberto Núñez Feijóo na Presidencia saldouse cun gasto de 25 millóns de euros en accións propagandísticas que, unha vez sumados os anuncios do Xacobeo 2010, chegaron aos 40 millóns de euros. A propia autora daquela pregunta, a nacionalista Tereixa Paz, cuestionou este martes o vicepresidente Alfonso Rueda, toda vez que, noutras respostas parlamentarias, "outros departamentos" da Xunta inclúen campañas "que non aparecen na relación dos 25 millóns". "Como estes gastos non estaban pídolle que nos diga a verdade", requeriu.

Lonxe de atender o cuestionamento do Bloque o número dous de Feijóo optou por obviar a pregunta e centrarse noutro treito da intervención de Paz, na que o instaba a aclarar se lle "aprece ético e moral recortar dereitos ata incorrer na ilegalidade" e, ao tempo, seguir "mantendo gastos de propaganda para facerlle autobombo ao seu Goberno". Para Rueda as estas campañas "eran necesarias", "antes e agora" e "cando estean xustificadas van seguir sendo necesarias". "Fixémolas e seguiranse facendo", advirte, toda vez que "nun momento de crise e dificultades orzamentarias" o Goberno xa "gasta menos cartos en publicidade institucional".

Tendo en conta o Xacobeo a Xunta gastou 40 millóns en anuncios entre 2009 e 2012

Aínda que a Secretaría Xeral de Medios emprega o termo "propaganda" na súa resposta escrita ao BNG Rueda advirte de que "nós entendemos que é publicidade institucional". "Propaganda" é o que "vostede di", dille a Paz, en cuxa opinión "os únicos gastos soportables" neste ámbito "mentres lles recortan á cidadanía até o aire que respira" son "aqueles imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos, os procesos de contratación e os obrigados pola normativa europea", maís aínda cando, dende o seu punto de vista, a "utilidade" dalgunhas das campañas impulsadas pola Xunta é cuestionable".

Malia a asegurar non ter interese en emprender unha caste de "partido de tenis" no que Goberno e oposición se arroxasen acusacións de gasto publicitario, partido "no que eu levaría as de ganar", Rueda defende os "criterios obxectivos do que debe ser publicidade institucional", os cales, acusa, non se cumprían nas accións propagandísticas do bipartito. En síntese, resume o vicepresidente, a Xunta seguirá facendo anuncios cando os considere "necesarios" e aínda así, asegura, gasta "un 68% menos" que o Executivo de coalición.

Rueda responde á pregunta do BNG CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.