A Xunta volve negar datos de xubilacións nas universidades á oposición e agora di que non os ten

Instalacións da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol © Campus Industrial UDC

Nas primeiras semanas do ano, en pleno debate pola convocatoria ou non de oposicións ao fío do bloqueo dos Orzamentos Xerais do Estado, a deputada do PSdeG Concepción Burgo dirixiuse por escrito á Xunta para solicitarlle información sobre o impacto dos recortes de persoal nun sector ben concreto: a través de 14 preguntas parlamentarias pediu coñecer cantas xubilacións se produciran nas tres universidades galegas de 2011 a 2016 entre o persoal docente e investigador (PDI) e mais no cadro de administración e servizos (PAS). Na resposta remitida á Cámara, o pasado marzo, o Goberno galego admitiu á socialista que manexaba eses datos, pero evitou achegarllos e convidouna a consultalos nos sitios web das universidades. Ante a negativa, Burgo volveu formular as preguntas e a Xunta vén de responder de novo, agora sinalando que non manexa a información que pide Burgo porque non lle resulta "útil".

No seu segundo intento Burgo lamentou que a Secretaría Xeral de Universidades, dependente da Consellería de Educación, se aferrase "de maneira falaz" á autonomía universitaria para evitar contestar malia "ter todos os datos", tal e como "recoñece nas mesmas respostas". "Sería gravísimo que negase telos", dixo no escrito, xa que "dende a chegada do señor Rajoy ao Goberno de España existe unha taxa de reposición das xubilacións do persoal" e é a Consellería "a que fixa o número de prazas que cada universidade pode cubrir cada ano en función do número de xubilacións". "Se a Secretaría Xeral non sabe cantos traballadores se xubilan cada ano, como está fixando a taxa de reposición?", cuestionou a tamén profesora da USC.

O PSdeG rexistrou a solicitude de información por segunda: "Sería gravísimo que negase tela"

"A Secretaría Xeral ten todos os datos solicitados, pero non quere dalos, o que provoca unha situación tan grave" que leva a preguntarse "que quere ocultar", coida Burgo. Por todo isto volveu rexistrar a mesma petición de información referida ao persoal dos sete campus e esta mesma semana a Consellería volveu responder. Antes de se referir á materia concreta a Secretaría de Universidades xustifica a súa propia conduta ante os reproches da deputada: "esta secretaría cumpriu coa súa obriga e ofreceu a información demandada e dispoñible (...), outra cousa é que a resposta non sexa do agrado da deputada e deputados que formulan" as preguntas, considera, ademais de instar o PSdeG a "lembrar" que a Xunta non fixa a taxa de reposición, senón que "se establece para todo o sector público" por parte do Goberno de España e despois é trasladada aos Orzamentos Xerais da Xunta.

O pasado marzo a Xunta admitiu manexar estas cifras pero instou a deputada a consultalas en internet

Xunto a unha explicación máis detallada da distribución de competencias entre o Ministerio de Facenda e a Xunta neste ámbito a Consellería insire as razóns que sustentan agora a súa negativa a informar sobre o número de xubilacións. "O único labor" que desempeña o departamento de Universidades do Goberno galego "a respecto das prazas das universidades" é o referido "ao profesorado titular", di. "Nestes casos, unha vez negociadas e aprobadas internamente en cada unha das universidades, procedíase na Xunta a examinar a súa conformidade coa lei de orzamentos, considerando a súa necesidade e oportunidade". "Este tipo de prazas non estaba suxeito a taxa de reposición ningunha", acrecenta.

A Consellería retruca agora que non ten os datos nin os "requiriu" porque non teñen "relevancia nin utilidade ningunha para o exercicio das súas competencias"

Deste xeito, conclúe, "na Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia non consta a existencia do dato referido ao número de xubilacións anual por campus do persoal administrativo, de servizos, docente e investigador das universidades galegas". A Consellería di, daquela, que non ten os datos e que "tampouco" os "requiriu", xa que "non ten relevancia nin utilidade ningunha para o exercicio das competencias que ten asignadas a Secretaría Xeral de Universidades. Na súa resposta de marzo o mesmo departamento autonómico explicaba, pola contra, que "para dar cumprimento" ás súas obrigas na materia a Dirección Xeral de Orzamentos "ten en conta as baixas de efectivos que se producen nas universidades por diferentes motivos, entre outros, as xubilacións" e por iso "solicita ás universidades dita información".

Neste contexto, en ausencia da información solicitada polo PSdeG á Xunta, a fonte que permite coñecer a evolución do persoal das universidades galegas segue sendo a que as propias institucións académicas publican, por unha banda, e a difundida polo Ministerio de Educación, por outra. Como informou este diario, os números das propias universidades indican que entre 2011 e 2015 -ata onde chegan as últimas series publicadas- perderan 465 persoas no cadro de persoal docente e investigador e unhas 152 entre o PAS. Atendendo á información do Miniterio, a redución do PDI sería de 375 efectivos e entre o persoal de administración e servizos, de só 26 persoas.

 

A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.