A Xunta volve subvencionar unha residencia relixiosa que incumpre catro normativas

Treito do documento no que se admiten os incumprimentos CC-BY-SA Praza Pública

En marzo de 2012 o Consello da Xunta autorizaba a Consellería de Benestar para asinar un convenio coa congregación Esclavas de la Virgen Dolorosa. Mediante ese documento o departamento que dirixe Beatriz Mato íalle achegar unha partida de 1,04 millóns de euros para financiar a residencia Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey, que esta organización relixiosa sitúa en "Creciente", en referencia ao concello pontevedrés de Crecente. Con aqueles cartos Benestar ía soster economicamente as 68 prazas do centro, que acolle persoas con discapacidade intelectual. Este xoves o Consello aprobou unha nova achega económica para o mesmo centro relixioso, máis modesta que a anterior, pero obviando, como hai un ano, que as Esclavas incumpren ata catro normativas oficiais.

Desta volta o convenio da Consellería coa orde relixiosa implicará un desembolso de 250.000 euros. Segundo a Xunta "con esta actuación permítese a atención de 60 persoas dependentes a través de servizos especializados" no ámbito da "discapacidade intelectual". "Este investimento inscríbese na aposta da Xunta de Galicia pola atención á discapacidade", abonda o Goberno, quen aposta por "darlle continuidade á colaboración que se leva mantendo con este centro dende hai moitos anos". Hai tamén un bo número de anos, concretamente 18, as Esclavas comezaron a incumprir normas relativas ao funcionamento dos servizos sociais e á accesibilidade para persoas con discapacidade sen que isto, semella, supuxese un impedimento para recibir axudas oficiais.

Benestar achégalle 250.000 euros ao centro un ano despois de subvencionalo con máis dun millón

Estes incumprimentos recoñéceos a propia orde relixiosa nos documentos que, datados en decembro de 2012, preparou para levar adiante actuacións de "rehabilitación e ampliación" no seu centro, obras que, a priori, están chamadas a subsanar as deficiencias existentes. "Na actualidade, o centro presenta carencias graves relativas á seguridade de utilización, accesibilidade e incendios", admite a memoria descritiva do proxecto. "É por isto que a propiedade valora a adaptación á normativa vixente, tanto sectorial como estatal, sen renunciar á capacidade no que a número de residentes se refire".

Nomeadamente, as Esclavas recoñecen que "a edificación presenta carencias en diferentes apartados da normativa vixente, tales como o decreto 35/2000 sobre a lei de accesibilidade e supresión de barreiras na comunidade autónoma de Galicia", o "Código Técnico da Edificación, en todos os seus documentos básicos", o decreto 243/1995 que regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais e unha orde do ano 2007 que desenvolve a devandita norma de 1995.

A propia orde relixiosa recoñece os incumprimentos na memoria descritiva do proxecto de ampliación da súa residencia

Sempre segundo os documentos da propia orde, "tras unha análise previa" a "rehabilitación do centro existente" foi "desbotada inmediatamente polo escaso aproveitamento resultante, posto que as prazas ofertadas descenderían facendo a explotación do centro inviable". Por este motivo, argumentan, deciden a "creación de novas edificacións conectadas ás existentes". "Tras un estudo de custos para a tranformación do centro" decidiron "establecer dúas fases consturtivas", unha que se realizará de inmediato e outra "a desenvolver nos vindeiros anos segundo as necesidades e evolución do centro, pero recollida na redacción desta memoria para a xustificación do cumprimento das diferentes esixencias das diversas normativas técnicas".

Na primeira fase vaise "rehabilitar" unha das edificacións que xa existen actualmente e vanse "crear dúas novas" que lles permitirán ás relixiosas pasar de 67 a 80 prazas residenciais. A segunda fase, aínda sen data, é a que "contempla a rehabilitación" do resto dos edificios, ademais dunha nova ampliación. Así as cousas, dos documentos cabe deducir que a corrección completa dos incumprimentos non ten data fixada.

Imaxe da residencia de Crecente CC-BY-NC-SA Esclavas
Emblema da orde relixiosa © Esclavas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.