A Xunta xustifica o novo copagamento: os pensionistas toman demasiada medicación

Mosquera, durante a comparecencia no Parlamento © Ana Varela

Os maiores de 65 anos precisan máis medicamentos. A conselleira de Sanidade acudía este martes ao Parlamento para facer balance da aplicación do catálogo priorizado de medicamentos de Galicia, pero o novo repagamento sanitario, oficializado na mesma xornada polo Goberno central, condicionou o guión do debate e tamén o da  propia intervención de Rocío Mosquera, que se esforzou en defender o proxecto do gabinete de Mariano Rajoy e rematou quentando aínda máis o sensible debate do futuro dos servizos públicos de saúde. Segundo a máxima responsable da sanidade pública galega o copagamento "disuasorio" é "imprescindible". Esencialmente, porque a cidadanía consome demasiadas menciñas e os pensionistas, máis. Ata o punto de acumularen "auténticos almacéns" de produtos sanitarios nas súas casas.

Malia asegurar que o catálogo galego de medicamentos logrou "conter o gasto farmacéutico" e deixalo en niveis de 2009 Mosquera aínda cre que os pensionistas acoden á farmacia máis do que deberan. Con todo, no canto de afirmalo explicitamente, a conselleira bota man da estatística que analiza cantos dos doentes aos que os médicos lles receitan un fármaco fan caso desa prescrición e acoden á farmacia a retiralo. No caso das persoas "activas", isto é, as non xubiladas, "só o 70%" seguen a recomendación médica e recollen a medicación. Pero os pensionistas, ou o que é o mesmo, os maiores de 65 anos, "retiran o 83%" das receitas que lles prescriben. "Están a retirar moitos máis fármacos os pensionistas que os activos", constata a conselleira. Na súa opinión, a cantidade de fármacos que consomen "debería ser a mesma que a dos activos", de aí a bondade do novo copagamento.

A conselleira atribúelles aos doentes "auténticos almacéns" de medicamentos e di que os pensionistas deben consomer o mesmo que os novos

A implícita acusación de abuso de medicamentos dirixida aos pensionistas é o argumento que Mosquera emprega como base para definir como "imprescindibles" os "cambios estruturais" que chegan dende Madrid. Son a única vía para "manter o sistema sanitario, que segue sendo eficiente", pero cómpre analizar "se o podemos pagar tal e como está". Por iso ve necesario non só o novo copagamento de fármacos, senón tamén o resto de cambios publicados polo Goberno central no BOE deste martes, tales como a confirmación de que a os pacientes tamén terán que facer achegas económicas adicionais nos servizos ortoprotésicos e dietéticos ou nas ambulancias non urxentes.

Para a oposición os argumentos da conselleira son, simplemente, "surrealistas". Porque "surrealista" é, en opinión da nacionalista Ana Luisa Bouza, "eliminar a gratuidade" e dicir que con isto "se garante unha sanidade universal e gratuíta". "Parece unha broma se non fose terrible", di a deputada do BNG, xa que o "incumprimento" da "promesa de blindaxe" trae consigo un gravame para os pensionistas "sen achegar ningunha medida de control da prescrición" por parte dos facultativos. Ademais, este novo "repagamento" supón "unha inxerencia competencial inaceptable para este Parlamento". "Que estarían a dicir se estas medidas as implantase un Goberno que non fose da súa cor?", cuestiona Bouza. A conselleira tampouco convenceu o voceiro do PSdeG, Modesto Pose, convencido de que a única intención do PP, tanto dende Santiago como dende Madrid, é "minar" os sistema sanitario do conxunto do Estado.

Mosquera, durante a comparecencia no Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.