Marina Castaño, o ex-conselleiro Dositeo Rodríguez, a súa filla Covadonga Rodríguez e Tomás Cavanna foron absoltos pola Audiencia Provincial da Coruña dun delito de malversación de caudais públicos na Fundación Camilo José Cela.
A viúva do escritor galego e ex-presidenta da entidade, o ex-membro dos gobernos de Fraga e ex-patrono e a actual subdirectora da entidade estaban acusados de simular o despedimento do director xerente da institución en 2010, Tomás Cavanna, pola que cobrou unha indemnización de 150.000 euros. A denuncia fora presentada polo Ministerio Fiscal, o Estado e a Axencia Tributaria e o fiscal pedía catro anos e medio de prisión e oito de inhabilitación para todos eles.
A Audiencia absolve a todos os acusados porque os indicios “non son suficientes para inferir con certeza, máis aló de toda dúbida razoable, que o despedimento fose unha simulación"
Malia os indicios, o tribunal considera que “non son suficientes para inferir con certeza, máis aló de toda dúbida razoable, que o despedimento fose unha simulación. Isto é, que tal despido non existiu, que todo foi consecuencia dun acordo ou conivencia entre os acusados para dar ao director xerente un diñeiro sen que houbese razón para isto, posto que tiña a intención de se marchar voluntariamente da Fundación”, din os maxistrados.
A sentenza considera que a interpretación conxunta dos indicios “non permite considerar que a única inferencia posible sexa a existencia dun despido simulado” e advirte de que esta interpretación “fai plausible unha alternativa, un despedimento real con pago dunha indemnización de 150.000 euros coa que estiveron conformes o Padroado e a Xunta”. A Audiencia lembra que para absolver os acusados “non é necesario afirmar que o xerente nunca tivo intención de marchar e foi despedido contra a súa vontade”, seno que é suficiente “con que esa alternativa exista e sexa plausible, que o é, polo menos tanto como a das acusacións”.
Nun auto do pasado xuño, antes da apertura do xuízo oral, a xuíza consideraba que se producira unha malversación de caudais públicos e advertía que desde o ano 2007 máis do 50% dos ingresos da Fundación proviñan de subvencións públicas e que en 2010, cando Tomás Cavanna deixou a Fundación coa indemnización de 150.000 euros, a entidade xa tiña a consideración oficial de Fundación Pública Galega. Xa que logo, considera que os acusados eran funcionarios públicos a efectos penais ao levaren a cabo funcións nunha fundación do sector público e que os cartos implicados na investigación eran caudais públicos, polo que consideraba xustificado abrir xuízo contra eles.
O tribunal advirte que os fondos cos que se pagou a indemnización eran “públicos na súa orixe” pero privados no momento no que se entregaron porque se integraron no patrimonio da Fundación
No entanto, na sentenza, os maxistrados subliñan que os fondos cos que se pagou a indemnización eran “públicos na súa orixe” pero privados no momento no que se entregaron porque se integraron no patrimonio da Fundación, polo que “non podían ser obxecto do delito de malversación”.
A Consellería de Cultura avalara que a Fundación Cela pagase en 2010 con cartos públicos esta indemnización de 150.000 euros a Tomás Cavanana. O monto dese despido foi comunicado, segundo o relato do tribunal, por Dositeo Rodríguez,que fora conselleiro de Manuel Fraga durante unha década e patrón da fundación, ao daquela secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández-Campa e ao daquela secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, hoxe conselleiro de Facenda.
Posteriormente, a Xunta rescatou a Fundación Cela en plena vaga de recortes. Mentres os orzamentos culturais caeron en picado durante os peores anos da crise, tan só unha partida mantiña unha achega económica idéntica durante varios exercicios e malia as retalladas noutros ámbitos. Alén disto, a institución fora nacionalizada polo Executivo galego en abril de 2012 tras anos de degradación e mala xestión económica, agudizada tras a morte do seu fundador en 2002, ano dende que asumiu o control da entidade a viúva do Nobel, Marina Castaño.
No xuízo, as acusacións insistiran en que a Fundación era en maio de 2010, cando se acordou o despedimento, unha fundación pública. Pero os maxistrados matizan agora: “Non é razoable que unha fundación sexa pública un ano, por proceder os seus ingresos maioritariamente de subvencións nese exercicio, e privado ao seguinte, por ter diminuído as subvencións ou terse incrementado os ingresos privados”.
Fundación "de natureza privada" ata 2012
Segundo o tribunal, a Fundación “era de natureza privada cando se creou polo seu fundador e con esa naturaleza seguiu ata que o Consello da Xunta adoptou a decisión de incroporala como entidade publica o 26 de abril de 2012”. Xa que logo, e malia o seu funcionamento como ente público e as importantes subvencións, os maxistrados entenden que non foi ata que o Consello rescatou a entidade cando se podía considerar pública.
A sentenza considera que a fundación foi privada ata o seu rescate malia que recibía importantes subvencións e que a indemnización por despido foi pagada con cartos públicos
“A conclusión é que os fondos cos que se pagou a indemnización a Tomás, públicos na súa orixe, integráronse no patrimonio da Fundación e eran privados no momento no que se entregaron, polo que non podían ser obxecto do delito de malversación”, insisten. “Noutro caso, ante as complexidades da cuestións, estaríamos ante un erro invencible sobre un feito constitutivo da infracción criminal que excluiría a responsabilidade criminal”, engaden.
A descrición que dos feitos realizara a Audiencia en 2016 era clara ao facer alusión á sinatura o 27 de xullo de 2015 dunha adenda entre a Fundación e a Xunta “con posterioridade polo tanto á conciliación, para financiar os gastos de persoal en 2010”. O convenio asinado entre Cultura e a fundación “establecía unha subvención para gastos de persoal para 2010 de 154.360 euros (insuficiente para pagar esa indemnización a Tomás Cavanna), a adenda asinada posteriormente incrementou esa cantidade ata 355.000 euros.
A Fiscalía xa advertiu de que analizará a sentenza para decidir se presenta ou non recurso nos vindeiros días.