Os orzamentos culturais da Xunta caen en picado. Todas as partidas antes xestionadas pola antiga Consellería de Cultura, agora fusionada con Educación, desplómanse por mor dos recortes derivados do cumprimento das estritas doutrinas anti déficit. Todas? Todas, non. Hai, cando menos, unha achega económica que en 2013 é salvada da queima e pasa intacta pola enésima retallada as contas públicas galegas. A Fundación Cela, nacionalizada pola Xunta en abril de 2012 tras anos de degradación e mala xestión económica, agudizada tras a morte do seu fundador en 2002, ano dende que asumiu o control da entidade a viúva do Nobel, Marina Castaño. No ano que comeza a agora renomeada como Fundación Pública Galega Camilo José Cela obterá un financiamento de 370.000 euros, a maioría procedentes das arcas públicas.
Esta cantidade é o resultado de sumar todas as subvencións de explotación previstas no orzamento da entidade, dende este ano incluído nos Orzamentos Xerais da Xunta. O maior montante procede da Xunta e ascende a 265.334 euros, o mesmo que, segundo este documento, achegou o Goberno galego en 2012 e en 2011. A estes cartos súmanse 36.000 euros da Deputación da Coruña, 24.040,48 do Concello de Padrón e 10.000 da Deputación de Pontevedra. Como a Administración galega, estas tres entidades locais tamén manteñen intacta a súa subvención dende, cando menos, o ano 2011, segundo datos oficiais.
A fundación obterá un financiamento de 370.000 euros en 2013, a maior parte procedente das arcas públicas
Así as cousas, a única parte do financiamento da Fundación Cela que non procede dos impostos da cidadanía é a denominada "otros patrocinios (amigos del museo, etc.)", cifrada en 34.625,52 euros, 15.000 euros máis que o pasado ano. Como xa acontecera no exercicio económico de 2012 en 2013 desaparece da lista de doadores a agoniante Novacaixagalicia, que en 2011 proporcionou unha axuda de 20.000 euros. Fronte a todas estas achegas, a Fundación apenas prevé obter 10.000 euros de seu: 8.000 por "ingresos museo" -2.000 máis que no último ano, calcula a Xunta- e 2.000 por alugueiro de espazos.
A consideración da Xunta cara á Fundación Cela en 2013 chega despois de que a entidade da fose especialmente mimada polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo dende 2010, cando lle achegou 154.000 euros dende a daquela Consellería de Cultura, cun convenio para salvala da creba económica. Xa en 2012 a fundación foi beneficiaria dunha "subvención nominativa" da actual Consellería de Cultura e Educación polos devanditos 265.334 euros, elevando así as achegas por riba dos 400.000 euros. Ante as críticas recibidas, o conselleiro e presidente da Fundación, Jesús Vázquez, aseguraba a pasada primavera no Parlamento que as axudas da Xunta "responden simplemente ao compromiso coa viabilidade deste ente, que consideramos fundamental para a conservación da obra do Nobel galego" ante a "situación de crsie que estaba a atravesar".
Unha fundación excepcionalmente mimada fronte á tesoira
Para a Xunta a Fundación Cela é "unha das institucións culturais máis importantes da nosa comunidade" e por iso "non vai ser este Goberno o que cometa o erro de ignorar ese patrimonio", acrecentaba Vázquez naquela intervención parlamentaria, na que ademais negaba as acusacións de "trato privilexiado" que lle lanzaba a oposición. Privilexiado ou non, o certo é que o tratamento recibido pola Fundación Cela ten pouco que ver coa situación económica do resto de partidas culturais da Xunta que, como vén detallando Praza Pública, baixan sen excepcións. Para "dirección e servizos xerais de cultura" haberá 15,5 millóns, 6,3 menos que no ano anterior. Tamén baixa o montante dispoñible para "bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais", que pasa de 18,09 millóns a 14,7 e fai o propio o "fomento das actividades culturais", que se desploma dende os 21,7 millóns que lle corresponderon en 2012 ata 14,9. Tampouco se libra a "protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural", que perde algo máis de dous millóns e disporá de 16,2 para o vindeiro exercicio.
A Fundación Illa de San Simón ou o Museo do Pobo Galego, entre outros, si sofren recortes nas achegas da Xunta
A Fundación Cela tamén sae ben parada se é comparada con outros organismos culturais, tanto en cantidades globais como no feito de non verse afectada polos recortes. Así, por exemplo, a Fundación Illa de San Simón -que a Xunta prevé liquidar- recibirá 215.010 euros de transferencias correntes e 7.018 en transferencias de capital -para investir-, o que implica unha redución de fondos de case 70.000 euros a respecto de 2012. Tampouco ficou protexido dos recortes o Museo do Pobo Galego, para o que están orzamentadas achegas de 201.800 euros -transferencias correntes- e 96.000 euros -de capital-, cun recorte de máis de 42.000 euros. Do mesmo xeito, as subvencións á Fundación Cela resultan tamén rechamantes fronte ao montante total que a Xunta destina ás asociacións e entidades que se dedican á "conservación do patrimonio documental en arquivos", 107.406 euros que en 2012 eran 111.762,