"Non fixemos máis que reafirmar o compromiso co interese público e social". É o xeito en que o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, xustifica o rescate efectuado pola Xunta á Fundación Cela o pasado abril, unha caste de nacionalización para salvar a institución, daquela privada, despois de anos de perdas millonarias, xestión deficiente e degradación do seu patrimonio. Este mércores o asunto retornaba ao Parlamento da man da voceira do BNG, Ana Pontón, quen reclamou explicacións de Vázquez polo, ao seu xuízo, "trato escandalosamente privilexiado" recibido pola fundación, a cal xa leva recibido da Xunta máis de 400.000 euros a través de dous convenios, un de 154.000 euros e outro de máis de 265.000.
Para a nacionalista "o que pasa coa Fundación Cela é un exemplo da dobre vara de medir" do Goberno xa que, mentres os orzamentos culturais son reducidos ou desaparecen -caso por exemplo das subvencións a asociacións- acode en auxilio dun ente caracterizado polo "desbalde" e a "xestión nefasta" durante o período que tivo á fronte á viuva do Nobel, Marina Castaño, e a un xerente que, lembra ingresaba un salario de en torno aos 9.000 euros mensuais antes de ser "substituído pola filla dun ex alto cargo do PP, que casualidade". Do mesmo xeito, lembra, o propio Executivo lle ten recomendado a outra fundación, Preescolar na Casa, que "sexa viable por si mesma" se quere sobrevivir pero protagoniza a "imaxe grotesca" de converter en "asunto público" os "problemas" do organismo con sede en Iria Flavia.
Ana Pontón cre "grotesco" que se inxecten cartos públicos nunha fundación caracterizada polo "desbalde" e a "nefasta xestión"
Pero segundo o conselleiro as accións da Xunta "responden simplemente ao compromiso coa viabilidade deste ente, que consideramos fundamental para a conservación da obra do Nobel galego" e, "ante a sitaución de crise que estaba a atravesar", decidiuse a inxección de fondos e a súa integración no sector público autonómico. A operación "non busca máis que a defensa do legado do noso único premio Nobel, a promoción do estudo e da dimensión social e cultural da súa obra e a conservación do seu rico patrimonio cultural, humano e mesmo anecdótico".
"Non imos entrar na cuestión de quen era Cela", nin sequera no debate sobre "a que sistema literario pertence", retrucou Pontón, para quen o cerne da cuestión segue a estar no destino dos cartos públicos e na "anomalía" que supón o importante esforzo económico realizado mentres outras fundacións culturais "esmorecen". Sen ir máis lonxe, di, a Fundación Rosalía de Castro, situada fisicamente "ao lado" da Fundación Cela, ingresa da Xunta "30.000 míseros euros". "Supoño que Rosalía representa moito máis que Cela para o sistema literario galego", constata.
A xuízo do conselleiro por tras da petición da explicacións do BNG hai cuestións "ideolóxicas" que fan que os nacionalistas obvien que a fundación é "unha das institucións culturais máis importantes da nosa comunidade". "Non vai ser este Goberno o que cometa o erro de ignorar ese patrimonio", di, "nin tampouco o que desbote a Cela pola lingua da súa obra". Polo tanto, conclúe, as achegas económicas e o carácter público da entidade continuarán, por ser "un legado de gran importancia para Galicia" e "para a cultura galega e universal".