A Xustiza certifica que o acordo do edificio Fenosa evitou recortes sociais na Coruña "durante moitos anos"

O edificio Conde de Fenosa na Coruña, nunha imaxe de arquivo © Concello da Coruña

O goberno local da Coruña deu luz verde en 1997 ás obras de remodelación da antiga sede de Fenosa na cidade. A controvertida operación urbanística do Concello presidido por Francisco Vázquez resultou ser ilegal. Así o ditaminou un complexo percorrido xudicial que no ano 2001 sentenciou a demolición de todas as obras ilegais. No actual mandato municipal o Concello coruñés botou man da vía da mediación intraxudicial para tentar resolver o litixio 21 anos despois do seu inicio e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia validou o acordo. O TSXG vén de debullar nun auto as razóns do seu visto e prace. Entre elas destaca que a demolición e as súas repercusións traerían consigo recortes socais para a cidade "durante moitos anos".

O auto que valida o acordo entre as partes subliña que demoler e reconstruír o edificio suporía un "enorme custo" para o Concello que implicaría a "perda de servizos sociais" durante "moitos anos" e deixar o consistorio "nunha situación económico-financeira insostible"

Executar a sentenza na súa literalidade sen os acordos acadados entre as partes -o denunciante, o Concello e a comunidade de propietarios do edificio-, lembra o Tribunal, implicaría "recuperar" o edificio Conde de Fenosa ata que volvese ao seu estado orixinal, o do bloque de oficinas da eléctrica autorizado nos anos 60 do século pasado. Para facelo cumpriría demoler todas as obras ilegais, pero tamén "reconstruír novamente o edificio anterior ata acadar unha réplica do mesmo" sen que, por outra banda, a súa legalidade estivese garantida.

Facer isto sen acordo, detalla o auto, traería consigo "prexuízos" non só para as 87 familias que residen no edificio e as "máis de cen que traballan nos locais comerciais e oficinas no inmoble", senón "para toda a cidadanía" da Coruña. Demoler e reconstruír o edificio suporía para o consistorio un "enorme custo" que implicaría necesariamente, di o TSXG, unha "perda de servizos sociais" municipais "durante moitos anos" porque o Concello quedaría nunha "situación económico-financeira insostible". 

Detalle dunha das fachadas do edificio Conde de Fenosa, na Coruña © Concello da Coruña

O Tribunal Superior dá por bos os cálculos que cifran en 59,5 millóns de euros o custo aproximado que tería a operación, o que obrigaría ademais a "incrementar os tributos municipais" na Coruña "ao dobre da cota actual"

Non en van, detalla o auto, demoler e reconstruír o edificio, reubicar a veciñanza durante as obras e indemnizala pola perda das súa vivendas suporía "aproximadamente" uns 59,5 millóns de euros, segundo os cálculos do proceso que o TSXG dá por bos. Para facer fronte a unha operación coma esta, adicionalmente, o alto tribunal galego calcula que o goberno local tería que "incrementar os tributos municipais ao dobre da cota actual", isto é, a veciñanza debería pagar o dobre de impostos que na actualidade.

No entanto, a "forma alternativa" de executar a sentenza lograda a través da mediación logra, segundo o TSXG, "evitar o excesivo coste para os recursos públicos" e equilibrar este factor cos "intereses dos veciños" sen que isto altere "a paz social", o cal non estaría garantido se se producise a devandita "perda de prestacións públicas polo excesivo custo". "Benefíciase tanto aos propietarios do edificio como ao interese público en termos de adecuada prestación de servizos sociais que puidesen resultar prexudicados de demoler o edificio, así como en termos de paz social", conclúe o auto, aprobado por 10 votos favorables da Sala fronte a 4 que asinaron tres votos particulares para mostrar a súa disconformidade.

Como informou Praza.gal, o acordo entre as partes implica que o Concello recoñece publicamente as ilegalidades cometidas co edificio, datadas nos tempos de Vázquez. Compromete ademais a elaboración dun código de boas prácticas urbanísticas e a legalización do edificio como "inmoble singular". Adicionalmente, o goberno debe impulsar a construción de 50 vivendas de protección pública, proposta do demandante para minorar a súa indemnización, que finalmente será de case 3 millóns por danos morais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.