Achégase o acordo entre PSdeG e BNG para as deputacións da Coruña e Pontevedra

Pleno na Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

O acordo está próximo. Tras a traumática perda da Deputación de Lugo por mor do desmarque do alcalde socialista de Becerréa a respecto do acordo entre o seu partido e o BNG, as conversas entre o PSdeG e os nacionalistas avanzan a bo ritmo para pechar un acordo a respecto das outras dúas deputacións onde o PP ficou sen maioría absoluta tras o 24M, A Coruña e Pontevedra, nas que un pacto implica, ademais, cambio de Goberno. Apenas sete días despois de retomar os contactos o punto de encontro semella está a piques de chegar.

O encargado de transmitir a boa marcha do proceso foi este luns o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, que en rolda de prensa considerou "posible" que "esta mesma semana" se faga público "de xeito detallado un programa marco de consenso co PSOE". Isto sucede, di, tras "os avances logrados polas comisións negociadoras" de ambas formacións nos últimos días, nos que xa se fiou un documento que vai "recoller os obxectivos esenciais" defendidos pola formación frontista para "democratizar os entes provinciais e democratizar o seu funcionamento".

Segundo o líder nacionalista neste "documento pactado" estará presente a aposta pola "transferencia de competencias cara á Xunta e aos concellos", ademais de "limitar ao máximo o uso discrecional de fondos". Outro aspecto do acordo, di, implica "redución do presidencialismo a favor da toma de decisións dende os órganos colexiados", tamén á hora de asignar fondos.

Vence anticipa que "esta mesma semana" poderá presentarse "un programa marco de consenso"

A presidencia, precisamente, é un dos aspectos que segue sobre a mesa da negociación no que atinxe á Deputación coruñesa, segundo admitiu o propio Vence este domingo nunha entrevista na Cadena SER. O BNG, di, mantén a súa "aspiración" de presidir ese organismo nun contexto no que, detallou este luns, "as outras forzas políticas alternativas ao PP" con presenza na corporación -Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños- "deben formar parte da negociación do organigrama" e "manifestar a súa preferencia" sobre "o perfil do presidente ou presidenta", o que, na práctica, implica un convite a pronunciárense a prol do PSdeG ou do BNG.

O futuro da Deputación de Lugo

Estas negociacións a respecto da Coruña e Pontevedra desenvolvéronse mentres, en Lugo, o alcalde de Becerreá continuou a teimar en ser candidato á presidencia como única vía para devolver o PP á oposición mediante unha moción de censura, que legalmente segue sendo posible ao integrarse o propio Manuel Martínez no Grupo Provincial Socialista. Dadas as circunstancias, o PSdeG lucense non pecha a porta á mudanza no goberno, se ben optar por abrir un pequeno período de reflexión para propiciar que "as cousas se tranquilicen", indicou o alcalde da Pontenova e voceiro socialista, Darío Campos.

No PSdeG de Lugo considérase que a apertura dun breve paréntese "para que as cousas se tranquilicen" pode ser a mellor vía para que Martínez recapacite

Despois de que a pasada semana se celebrase unha xuntanza de alcaldes e deputados provinciais na que Martínez reiterou a súa postura, fontes do PSOE de Lugo apelan ao carácter do rexedor díscolo para explicar que a mellor vía para acadar unha "solución" pode ser esa apertura dun breve paréntese. As mesmas fontes apelan á traxectoria de Martínez como líder da oposición a Cacharro Pardo para indicar que, se cadra, aínda precisa "decatarse" de que a súa postura propiciou a chegada dunha presidenta, Elena Candia, que está a conformar o seu equipo baseándose en colaboradores próximos ao propio Cacharro. É posible, agregan, que mesmo "necesite" ver a popular presidindo un pleno para acceder a reconsiderar a súa decisión.

Pleno na Deputación de Pontevedra © Deputación de Pontevedra
Pleno na Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.