Acordo a última hora en Catalunya: Mas renuncia e non haberá eleccións

Carles Puigdemont e Artur Mas, nunha foto de arquivo © Generalitat de Catalunya

Acordo de última hora entre Junts pel Sí e a CUP que evitará unhas novas eleccións en Catalunya e que permitirá formar un novo govern tras as eleccións do pasado 27S. A tan só unhas horas de que acabase o prazo para investir president e despois de que a CUP reafirmase hai uns días o seu non a Artur Mas, ambas as dúas formacións lograron un pacto que implica que el dea "un paso ao lado". Será Carles Puigdemont, alcalde de Girona e presidente da Associació de Municipis per la Independència (AMI), quen sexa investido xefe do novo Executivo.

Carles Puigdemont, alcalde de Girona e presidente da Associació de Municipis per la Independència (AMI), será o novo president

Adiantouno o propio presidente en funcións, que recoñeceu que o seu "paso a un lado" ten "un compoñente doloroso" para el, aínda que di estar "tranquilo e moi convencido". "Nos vindeiros días veranse os beneficios seguros, necesarios para o país e para o proxecto que defendemos", insistiu quen aclarou tamén que non ocupará ningún cargo no novo govern. "Dixen que sería president ou ex president; agora quedo a disposición do novo president e do novo goberno", engadiu quen di que non se retira da política, que axudará a reconstruír CDC e que non descarta presentarse ás eleccións no futuro. 

Ademais, advertiu que o Parlament investirá este mesmo domingo e en primeira votación o candidato que el mesmo propoña e que estea dentro do grupo parlamentario de Junts pel Sí. Trátase de Carles Puigdemont, que será o novo xefe do Executivo catalán e dun Govern que "terá estsabilidade no Parlament e fortaleza". "Era o que eu quería garantir", engadiu Mas, que asegura que "a CUP asume os seus erros e farao publicamente". 

Mas asegura que dous deputados da CUP "se incorporan á dinámica parlamentaria de Junts pel Sí" e que haberá renuncias no grupo de esquerda

Porque o acordo ten algo máis, segundo asegurou Mas. "Dous dos deputados da CUP incorpóranse á dinámica parlamentaria de Junts pel Sí. O que as urnas non nos deron directamente houbo que corrixilo na negociación", segundo o president en funcións, que di tamén que a candidatura de esquerda comprometeuse tamén a non votar "en ningún caso" no mesmo sentido que os grupos contrarios ao proceso soberanista e ao dereito a decidir. Ademais, chegou a adiantar cambios no grupo parlamentario da propia CUP, que iría acompañado de remudas na súa bancada. "Que haxa deputados que deixan de selo indica que cometeron erros", engadiu. 

A CUP mantén silencio e o seu consello político e o grupo de acción parlamentaria da formación anticapitalista reunirase este domingo ás 11 horas para ratificar o seu acordo con Junts pel Sí. Nas redes sociais, un dos seus voceiros, Xevi Generó, confirmou que haberá dúas dimisións como "xesto ante as dificultades das negociacións", pero negou que o grupo perdera dous deputados para incorporarse a Junts pel Sí: "Seguimos tendo un grupo parlamentario con dez deputados, o papel de dous deputados dentro da dinámica de JxS é en relación á estabilidade da ruputura e do proceso constituínte", aclarou. 

"O que as urnas non nos deron directamente houbo que corrixilo na negociación", chegou a dicir Artur Mas sobre o acordo coa CUP

Segundo o texto do acordo, filtrado por Vilaweb, o compromiso da CUP é "non votar en ningún caso no mesmo sentido que os grupos contrarios ao proces e/ouu o dereito a decidir cando estea en risco a estabilidade". Ademais, "garantir que dous diputados da CUP se incorporan á dinámica do grupo de JxS de maneira esable. Participarán en todas as deliberacións e actuarán conxuntamente nas tomas de posición do grupo para cumprir ao que está establecido no punto anterior". 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Carles Puigdemont e Artur Mas, nunha foto de arquivo © Generalitat de Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.