Adif desborda o xuíz cunha listaxe de cargos de seguridade da última década

Obras da liña de alta velocidade en Angrois © Rusty_Chicken2011

A auditoría xurídica de Adif prepara unha ampla lista de responsables da seguridade da entidade para entregarlle ao xuíz que instrúe o caso no treito do accidente de Santiago, no que perderon a vida 79 persoas. A lista de responsables da empresa de infraestruturas vai desde que comezara o deseño do trazado da vía en 1999 até o momento do accidente, o pasado 24 de xullo. O maxistrado de instrución número 3 de Santiago de Compostela, Luís Aláez, imputou no auto do 20 de agosto os responsables de seguridade do tramo no que se produciu o accidente no momento que se produciu o sinistro.

A auditoría xurídica de Adif vai presentar unha lista de todos os responsables en cada unha das áreas implicadas na seguridade da empresa de infraestruturas ferroviarias non só no momento do accidente senón desde que comezara o deseño da vía. A empresa de infraestruturas ferroviarias entende que así o xuíz que instrúe o caso ten máis elementos de xuízo para decidir quen foron os responsables da seguridade na curva de Angrois.

Adif sostén que é máis acaído entregar a lista de todos os responsables das infraestruturas desde que se iniciara o seu deseño para que sexa o xuíz o que decida a quen imputar

Aínda que o auto imputa expresamente s persoas responsables no momento de accidente, Adif sostén que é máis acaído entregar a lista de todos os responsables das infraestruturas desde que se iniciara o seu deseño para que sexa o xuíz o que decida a quen imputar como responsables do caso. A empresa de infraestruturas non confirmou se na lista de responsables que pretende entregar ao xuíz estarán incluídas persoas responsables de empresas subcontratadas na construción da vía ou só persoal de Adif.

A empresa de infraestruturas entende que non existen responsables únicos nesta causa xa que están implicadas moitas áreas diferentes da entidade e non ten previsto destacar ás persoas responsables no momento do accidente senón que a lista de implicados será exhaustiva e incluirá os cargos que ocupan as persoas as funcións que desempeñan, as relacións que manteñen dentro da empresa e todo tipo de datos para que sexa o xuíz en última instancia quen decida quen son os imputados.

Obras da liña de alta velocidade en Angrois © Rusty_Chicken2011

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.