Admitido o recurso contra a suspensión de Causa Galiza

Manifestación de Causa Galiza © Causa Galiza

A Sala do Penal da Audiencia Nacional admitiu a trámite o recurso presentado pola defensa contra a ilegalización temporal da organización independentista Causa Galiza. Segundo aclaran fontes do caso, esta admisión do recurso "non muda nada no esencial" ao referirse a erros no procedemento por parte do xuíz Eloy Velasco, polo que se mantén a manifestación do vindeiro domingo "polos dereitos civís e políticos de tod@s" en Compostela. 

Foron nove os membros de Causa Galiza detidos o pasado 30 de outubro na denominada operación Jaro, que o Ministerio do Interior identificou como  un golpe á "contorna" de Resistencia Galega, e que foron postos en liberdade tres días despois con imputacións como pertenza a organización terrorista. A actividade desta organización foi suspendida durante dous anos por orde do maxistrado Velasco. 

Agora, e tras admitirse este recurso, o xuíz terá que convocar unha comparecencia na que estean presentes representantes da Fiscalía do Estado, da defensa e o propio Velasco e é aí onde o Ministerio Fiscal tería que pedir esta suspensión de actividades da organización política e que podería ser alegada polos avogados para logo ser ratificada ou non polo xuíz. Ese foi o método que, segundo fontes do caso, foi saltado polo maxistrado e cuxo auto foi declarado nulo logo de que se presentase o recurso por  unha presunta "vulneración de dereitos fundamentais". 

Tal e como recoñecen as mesmas fontes, o máis probable e que o maxistrado acabe por volver declarar a suspensión de actividades de Causa Galiza durante os dous vindeiros anos. "Dentro de dous ou tres días é moi posible que volvemos á situación anterior", aclaran. 

Joám Peres, un dos detidos, insiste en considerar a operación "un caso de represión política pura e dura" por parte dun "Estado que ten unha fonda crise por diversos motivos". "Cada vez que isto ocorre, algúns dos seus aparatos optan pola represión de maneira directa", asegura quen destaca "o amplo abano" de apoio á manifestación do domingo malia recoñecer un "déficit claro no que se refire aos apoios políticos de organizacións que se sitúan na esquerda nacionalista e rupturista". 

A manifestación do vindeiro domingo parte da Alameda compostelá ás 12 e está apoiada por máis de 60 axentes políticos, sindicais e sociais

Peres destaca que Anova pronunciouse este venres, a dous días da mobilización, e que non ten coñecemento do posicionamento nin do BNG, nin de CxG, En Marea, Podemos ou EU. "Non hai posicionamento público ningún", di quen asegura que o apoio á marcha "non supón un apoio ás teses independentistas, senón en defensa das liberdades fundamentais e contra un proceso de legalización das ideas". 

A manifestación que no vindeiro domingo parte da Alameda de Compostela está apoiada por máis de 60 axentes políticos, sindicais e sociais. 

Manifestación de Causa Galiza © Causa Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.