Agadic tenta ordenar as súas facturas para que Deloitte as audite

O director da Agadic, Jacobo Sutil © Xunta

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ten a obriga, segundo o seu Estatuto, de presentar anualmente unha auditoría das súas contas que, unha vez aprobada polo seu consello reitor, debe facer pública en internet. Na actualidade esa auditoría está en pleno proceso de elaboración pero non na propia Agadic ou nalgún servizo económico da Xunta, senón nunha empresa privada externa, Deloitte, a mesma auditora que, por exemplo, se encarga da administración concursal de Pescanova e foi expedientada pola súa xestión no caso Bankia.

As empresas e profesionais que traballaron coa Agadic ao longo do ano 2012 están a recibir estes días unha carta da axencia pública dentro dun sobre de Deloitte. A misiva, impresa en papel timbrado oficial da Agadic, co correspondente logotipo da Xunta de Galicia, está asinada polo director do organismo gobernamental, Jacobo Sutil, e redactada íntegra e unicamente en castelán -a empresa xestiona esta auditoría dende A Coruña-. Nela Sutil informa de que "os nosos auditores independentes, Deloitte, están efectuando a revisión normal das nosas contas anuais" e por iso, explica, "pregamos que lles envíen directamente aos nosos auditores" determinada información financeira.

A misiva está redactada íntegra e unicamente en castelán e asinada polo director da Agadic

Nomeadamente, as empresas e profesionais deben remitirlle á compañía un "extracto detallado da nosa conta [de Agadic] con vostedes, na que aparezan todas as partidas pendentes de pagamento a 31 de decembro de 2012 e o volume de operacións realizadas con vostedes ao longo do exercicio finalizado (...), incluíndo os importes aínda pendentes de facturar por vostedes", isto é, as "facturas pendentes de emitir". Tamén reclama unha "lista detallada de todos os efectos comerciais aceptados por nós ao seu favor" con "mención dos importes, así como as datas de emisión e de vencemento" e outra "lista detallada de todas as mercadorías de vostedes, se as houbese, que tivésemos en cnsignación á data anteriormente indicada". Agadic agradece a "pronta contestación" porque "redundará nun mutuo beneficio".

Esta auditoría chega nun contexto no que diversos colectivos do mundo da cultura levan meses reivindicando a necesidade de que a consellería de Cultura e Educación, a través de Agadic, tome medidas para frear o "desmantelamento" do sector, a comezar por saldar todas as súas débedas pendentes. Estas mobilizacións tiveron diversos escenarios, dende o Salón Teatro de Compostela ata o Parlamento ou a Cidade da Cultura, onde a Axencia Galega das Industrias Culturais ten a súa sede.

Carta remitida pola Agadic (premer para ampliar) © Agadic

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.