Nova polémica no Parlamento galego. O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) David Fernández foi expulsado este martes do pleno da Cámara logo de que ironizase desde a tribuna coa "corrupción" do PP e tras ser advertido en tres ocasións por Miguel Santalices, deputado do PP que exercía as funcións de presidente da Cámara nese instante.
O deputado de AGE David Fernández advertiu de que tiña a intención de disfrazarse de "sobre" pero que o PP "xa comprara todos os traxes"
David Fernández comezou ironizando sobre o feito de que o pleno se celebrase en martes de Entroido, día festivo en moitas localidades como a da súa circunscrición, Ourense, para logo advertir que pensara en ir disfrazado ao pleno "de sobre" peroque non puidera porque o PP "xa comprara todos os traxes". Lonxe de deter a retranca ante as dúas intervencións da presidencia da Cámara, o deputado de AGE insistiu asegurando que intentara contactar con Francisco Camps para que lle facilitase o enderezo do seu xastre. Nese momento, e coa terceira chamada de atención, foi expulsado da sala.
AGE abandonou o pleno, pero BNG e PSdeG tamén amosaron o seu rexeitamento á expulsión do deputado
Logo do suceso, todos os voceiros da oposición pediron a palabra por cuestión de orde e Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE, advertiu que abandonaría o pleno se o presidente da Cámara non daba marcha atrás. Ao non facelo, os nove deputados de Alternativa abandonaron o Parlamento. Abel Losada, do PSdeG, advertiu que desde as bancadas do PP chamóuselle "pallaso" ao deputado expulsado.
Máis tarde, nun comunicado, AGE asegurou que a expulsión de David Fernández fora "un ataque inaceptábel á soberanía popular que el representa e á liberdade de expresión". "E unha proba máis de como o Partido Popular concibe as institucións: un couto pechado no que só queren escoitar aquilo que lles prace e non admiten nin a voz directa da cidadanía, nin a crítica radical das súas devastadoras políticas, nin sequera o exercicio do humor satírico", denuncia.
"O PP concibe as institucións como un couto pechado no que só escoitan o que lles prace", di Alternativa
AGE lembra que Miguel Santalices, que exercía de presidente da Cámara, emitiu tres chamadas á orde en menos de dous minutos e destacou a indignación que a decisión causou tamén entre os voceiros do PSdeG, Abel Losada, e BNG, Francisco Jorquera. "Alternativa Galega de Esquerda non permitirá que as manobras do PP á fronte da institución onde reside a soberanía popular impidan que os conflitos sociais e políticas aparezan nos debates parlamentarios", advirte nun comunicado, no que engaden que "se a vía que elixe a dereita, para quen non existe diferenza entre partido e institución, é a represión e a criminalización dos cidadáns que se opoñen ás súas políticas contrarias á maioría social, atopará enfronte aos parlamentarios de AGE".
"A forma de exercer o poder do PP é totalitaria e neofascistas", denuncia o deputado expulsado
Ademais, Alternativa recorrerá a medida ante a Comisión Permanente do Estatuto do Deputado do Parlamento, mentres que o deputado afectado denunciou a forma "totalitaria e neofascista de exercer o poder" do PP. "Non había motivos para tomar esa decisión", dixo en referencia á súa expulsión.
Curiosamente, o plantón de AGE chegou logo de que a súa vicevoceira, Yolanda Díaz, destacase a mellora do ambiente na Cámara ante a ausencia da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo. "Preside o pleno Miguel Santalices : todo tranquilo . Non sucede o mesmo cando son outras as persoas que presiden a Cámara", asegurou na súa conta de Twitter. "Non é cuestiòn de quen preside , senòn dos temas que molestan ao PP . Queren amordazarnos!!!", aseguraba logo da expulsión do seu compañeiro.
Esta nova polémica chega logo do veto que a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, intentara facer aos convidados dos partidos á tribuna da Cámara. Este mesmo martes, persoal da Cámara ofreceu aos invitados dos grupos un papel no que se recollen as normas de comportamento do hemiciclo para os espectadores do debate e que tiveron que asinar, como novidade, para poder acceder ao hemiciclo.