AGE critica o apoio da Xunta á familia propietaria de Povisa

Protesta dos traballadores de Povisa © CIG

A familia Silveira Martín, propietaria do Grupo Nosa Terra 21 e dona do hospital privado Povisa, recibiu o pasado venres o VII Premio Familia Empresaria de Galicia. O acto, celebrado en Vigo, contou coa participación de Alberto Núñez Feijoo, que na súa intervención eloxiou a familia propietaria e dixo: “gustaríame que Galicia fose unha sociedade parecida ao Grupo Nosa Terra 21” ou “necesitamos empresarios como a familia Silveira Martín". Mentres no interior do Club Financiero de Vigo se desenvolvia a gala, os traballadores e traballadoras de Povisa protestaban contra os propietarios do hospital e demandaban un novo convenio.

Núñez Feijoo na súa intervención eloxiou a familia propietaria e dixo: “gustaríame que Galicia fose unha sociedade parecida ao Grupo Nosa Terra 21” ou “necesitamos empresarios como a familia Silveira Martín"

A este este respecto Alternativa Galega de Esquerda critica que nos últimos anos os e as traballadoras de Povisa sufriron "represión sindical, incumprimento de sentenzas, despedimentos, redución de xornadas, precarización do traballo e da calidade asistencial, débeda dos atrasos correspondentes ao ano 2010 e a conseguinte actualización dos salarios". E engade que "se a sociedade galega se parecera ao Grupo Nosa Terra 21, carecería de liberdade de acción e opinión, viviría en precario, a calidade asistencial estaría condicionada aos beneficios, a flexibilidade horaria non tería límites e o único idioma oficial sería o castelán".

AGE manifesta o seu apoio "á loita das traballadoras e traballadores de Hospital Povisa", así coma o seu "rexeitamento ás políticas de recortes de dereitos e empobrecemento que a familia Silveria Martín está a impoñer".

Protesta dos traballadores de Povisa © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.