AGE e BNG acusan a Feijoo de ser "vasalo dos bancos" e "refén da oligarquía madrileña"

Intervención de Francisco Jorquera Dominio Público BNG

Alberto Núñez Feijoo respondeu esta mañá no pleno do Parlamento e recibiu duras críticas dos tres grupos da oposición, en especial de AGE e BNG, que denunciaron non só a súa xestión senón a actitude persoal que mantén á hora de enfrontar ás voces que a cuestionan. A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, acusou o presidente da Xunta de practicar "o escapismo e a oposición á oposición" e de igual xeito o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, acusou a Núñez Feijóo de practicar a política do “permanente engano”.

Cando Yolanda Díaz preguntou sobre o feito de que as pensións galegas sexan as máis baixas do Estado español  o presidente da Xunta respondeu cunha "restra retorta de números e sen ningunha explicación nin compromiso concreto", denuncia a coalición de esquerdas. “O sistema público de pensións é un dos instrumentos fundamentais para a protección das persoas, unha peza chave do Estado do benestar froito das loitas obreiras”, expuxo Díaz, “pero vostedes son vasalos dos bancos e ameázano”. 

“Deixe de facer escapismo e teña un pouco de ética”, pregoulle a viceportavoz de Alternativa

A pensión media en Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), é de 715 euros ao mes, un 16% menos que no total do Estado. É dicir, 2.000 euros menos ao ano. Díaz pediulle a Feijóo que explicase se estas cifras lle parecían "dignas" ou se compartía “os ataques continuados do Goberno central ao sistema público de pensións”. “Deixe de facer escapismo e teña un pouco de ética”, pregoulle a viceportavoz de Alternativa, despois de lembrar que “co decretazo de marzo, o PP modificou o acceso ao subsidio dos maiores de 55 anos, unha vía fundamental para as persoas expulsadas do mercado de traballo e que en moitos casos xa non poderán acceder a unha pensión contributiva malia ter cotizados moitos anos”.

 

Jorquera acusa a Feijóo de “estar ao servizo da oligarquía de Madrid”

Jorquera preguntoulle a Feijóo se pensa “facer algo” para evitar a sangría industrial que padece Galicia ou se polo contrario "continuará practicando a política de engano que leva ao Partido popular a defender o dique flotante en Galiza e votar en contra en Madrid”

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, acusou pola súa banda ao presidente da Xunta de “estar ao servizo da oligarquía de Madrid” e renunciar a defender a política de impulso industrial en Galicia. Na súa intervención Jorquera leu unha resposta do Goberno central ao BNG no Congreso na que confirma que a Xunta non dirixiu ningunha demanda ao Goberno central  para manter NGB en Galicia.

Jorquera preguntoulle a Feijóo se pensa “facer algo” para evitar a sangría industrial que padece Galicia ou se polo contrario "continuará practicando a política de engano que leva ao Partido popular a defender o dique flotante en Galiza e votar en contra en Madrid”. O deputado do BNG asegurou que “empresa que abraza Feijóo, empresa que vai a pique” e nomeou os exemplo de Pescanova, Alimentos Lácteos, Navantia, Barreras e Santa Bárbara.

Ao desmantelamento industrial, Jorquera sumou o “roubo das preferentes”, e engadiu que De Guindos “ten o descaro de afirmar que Estado español non é Chipre” pero mentres en Chipre, explicou, o seu Parlamento impide unha quita a pequenos e medianos aforradores, aquí “róubase os pequenos aforradores galegos".

Intervención de Francisco Jorquera Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.