AGE e BNG critican o acordo PP-PSdeG para modificar o regulamento do Parlamento

Comparecencia conxunta de AGE, BNG e Grupo Mixto © BNG

Os grupos parlamentarios de AGE, BNG e o Grupo Mixto uníronse este xoves para criticar conxuntamente o acordo acadado entre PP e PSdeG-PSOE para a reforma do regulamento do Parlamento, e para a renovación do consello da CRTVG e do Consello Consultivo. Yolanda Díaz e Antón Sánchez (AGE), Francisco Jorquera e Tereixa Paz (BNG) e Consuelo Martínez (grupo mixto) compareceron na cámara para sinalar que entenden que o pacto obedece á proximidade duns comicios que "debilitarán o bipartidismo".

Yolanda Díaz sinalou que con este acordo "PP e PSOE queren apontoar" "un réxime" que "xa está en cuestión nas rúas" e que "saíu danado das pasadas eleccións”. A vicevoceira de AGE afirmou que "se as dúas forzas do bipartidismo dan a lexislatura por esgotada, o que teñen que facer é convocar eleccións”. Díaz criticou que os dous principais partido “están poñendo límites á democracia, mesmo a democracia formal" e subliñou que a reforma do regulamento parlamentario supón “unha mordaza á oposición”, ao reducir a capacidade de iniciativas e os tempos desta. “En todo caso" -concluíu- "a oposición tamén se vai facer dende á rúa”, chamando a cidadanía “a se rebelar contra os recortes antidemocráticos”.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, cualificou de “cambalache” o acordo PP-PSOE “cociñado de costas á Cámara", que "mostra un xeito de entender a política que degrada a democracia e que cada vez censura con máis forza a sociedade”, afirmou. Jorquera denunciou que a reforma "pretende limitar a capacidade dos representantes da cidadanía para exercer o seu labor de control do goberno". “Non estamos pelexando por ter unha iniciativa máis ou menos, senón por defender os dereitos da cidadanía e que os seus problemas sexan debatidos con normalidade no Parlamento”, dixo. "O gran beneficiado da reforma exprés do regulamento será o PP, ao igual que sucede coa renovación dos órganos estatutarios e do consello da CRTVG", engadiu.

Comparecencia conxunta de AGE, BNG e Grupo Mixto © BNG
Comparecencia conxunta de AGE, BNG e Grupo Mixto © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.