AGE: “Os cidadáns precisan ver a Méndez no banco dos acusados"

Beiras e Yolanda Diaz no acto de Teo Dominio Público AGE

O alcalde de Teo, Martiño Noriega, actuou de mestre de cerimonias nun mitin que se celebrou no salón de eventos dun restaurante de Cacheiras antes unhas 300 persoas. Noriega denunciou que “a soberanía está en perigo de extinción, pois hoxe gobernan os mandados dos mandados dos fontaneiros do sistema”.

Yolanda Díaz fixo fincapé en que un Galicia necesita "un goberno para os cidadáns" fronte ao que até agora tivo: "un goberno para os mercados". Díaz puxo como exemplo da diferenza que "un goberno para os cidadáns non viaxa en jet con multimillonarios" e afirmou que "os cidadáns precisan ver a Méndez no banco dos acusados", en referencia ao máximo responsable de Caixa Galicia durante moitos anos. Ademais, recordou que durante o goberno de Feijóo se destruíu en Galicia un 12% de emprego, con zonas onde chegou ao 21%, mentres a media estatal se sitúa no 9%. Finalizou prognosticando que haberá rescate europeo, seguramente despois das eleccións, e que Alternativa Galega de Esquerda  loitará “por rachar as portas da Xunta de Galicia para que o goberno rescate á xente e non aos bancos”.

A idea de bo goberno da coalición non pode pasar, dixo Beiras, por sentirse “superdotados de despacho, pasa por dar cabida a un maior espazo de decisión social”

Xosé Manuel Beiras chamou á “unión da maioría social na diversidade” como medio para recuperar a dignidade. Amosouse confiado en que se está conseguindo reactivar a cidadanía e en que o pobo "non aceptará a propaganda de Feijóo que ve a tódalas opcións ao seu goberno como un caos". Beiras salientou que non se pode traizoar ao pobo sen que haxa consecuencias: “hoxe o Partido Popular soamente pode facer actos de campaña con seguridade e a porta pechada. O pobo non é imbecil". 

Para Beiras, a esquerda ten que actualizarse, incorporar as formulacións dos colectivos máis próximos ás problemáticas e valorar á diversidade. A idea de bo goberno da coalición non pode pasar, dixo, por sentirse “superdotados de despacho, pasa por dar cabida a un maior espazo de decisión social”. Os candidatos amosáronse seguros de que "sen os mesmos medios que os grandes partidos" o proxecto de Alternativa Galega de Esquerda será apoiado "masivamente" por "un país que quere espertar".

Beiras e Yolanda Diaz no acto de Teo Dominio Público AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.