AGE pide a dimisión de Feijoo e a convocatoria de eleccións

As deputadas e cargos públicos de AGE, na rolda de prensa no Gaiás CC-BY-SA Praza Pública

“Estamos nun lugar simbólico para o noso país, simbólico no que se refire á desfeita cultural e tamén a un modelo económico corrupto e deleznable”. AGE quixo escenificar na Cidade da Cultura a enésima denuncia das irregularidades contables e do financiamento ilegal do Partido Popular, ao abeiro das revelacións realizadas por Bárcenas e debulladas polos medios de comunicación. Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz tamén reclamaron de forma rotunda a dimisión de Alberto Núñez Feijoo e a convocatoria de eleccións ao Parlamento Galego, ante "un goberno deslexitimado". "Se teñen coraxe o que teñen que facer é demostrar que seguen tendo apoio", concluíu Beiras.

Este venres El País publica que Bárcenas ocultou donativos ilegais de FCC, OHL e ACS para o PPdeG. Estes pagamentos, realizados por empresas construtoras que teñen prohibido realizar achegas aos partidos políticos, ao ser contratistas da administracións, chegaron nas eleccións de 2005 nas que o PP perdeu a maioría absoluta, e no Congreso do PPdeG do anos seguinte. O PPdeG rexistrou en 2006 case dous millóns en doazóns opacas, na súa maioría procedentes de construtoras, aínda que a formación, que xa dirixía Núñez Feijoo, só recoñeceu oficialmente a recepción de 200.000 euros ese ano. Nesa relación de donativos ocultos figura Antonio Campo, como lembraron este venres os representantes de AGE. O construtor, que tería entregado ao redor de 200 mil euros, foi o encargado de cubrir a Cidade da Cultura con cuarcita, un encargo de seis millóns de euros.

Antonio Campo, que tería entregado ao redor de 200 mil euros, foi o encargado de cubrir a Cidade da Cultura con cuarcita, un encargo de seis millóns de euros

"As súas louseiras forneceron de toda a cuarcita que recobre este monstro até que se esgotou este xacemento”, lembrou Beiras, xutificando a realización da rolda de prensa nese escenario: "Este buraco negro pareceunos un escenario axeitado para denunciar esta podremia, unha historia que vén de moi atrás. Esta Cidade da Cultura é un buraco negro na que se enterraron cantidade de cartos que poderían servir para financiar unha política cultural e un tecido cultural que este país forxou a partir da cidadanía dende o franquismo. E ademais serviu para que o PP se financiase ilegalmente". “Estamos nun lugar simbólico para o noso país, simbólico no que se refire á desfeita cultural e tamén a un modelo económico corrupto e deleznable”, engadiu Yolanda Díaz. A vicevoceira de Alternativa destacou igualmente que "unha parte importante do financiamento irregular do PP, revelado por Bárcenas, viña de Galicia. E estamos convencidos de que unha parte importante destes cartos teñen que ver co narcotráfico. E isto dicímolo con carácter presunto”. 

"O goberno de Núñez está definitivamente deslexitimado", sentenciou Beiras, "se tivesen un mínimo de vergoña, o que debería facer o señor Núñez inmediatamente é convocar eleccións"

"O goberno de Núñez está definitivamente deslexitimado", sentenciou Beiras, "se tivesen un mínimo de vergoña, o que debería facer o señor Núñez inmediatamente é convocar eleccións. Nós reclamamos comparecencias en sede parlamentaria, pero xa non nos vale. Eles levan meses botándonos por riba da cara que o pobo galego xa falou nas elección. Nós afirmamos que o PP non pode contar nin sequera coas persoas que os votaron. Se teñen coraxe o que teñen que facer é demostrar que seguen tendo apoio". E pechou a súa intervención dicindo que "aínda que a min non me gusta remedar monstros coma o can de Aznar, vou dicir váyase, señor Núñez”.

A rolda de prensa convocouse na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.