AGE pide á Xunta que presente un recurso de inconstitucionalidade á reforma local

Beiras e Díaz, durante a rolda de prensa © AGE

"Unha contrarreforma política do PP". Así define Alternativa Galega de Esquerda (AGE) o denominado proxecto de lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local que este venres publica o BOE e que, segundo Xosé Manuel Beiras, voceiro da coalición, non ten máis que o propósito de "afastar o poder dos cidadáns para se converter nun poder totalitario".

"O PP pretende dar un golpe de Estado pola porta de atrás", denuncia AGE

Así, o grupo parlamentario de AGE vén de presentar unha proposición non de lei na que insta a Xunta á que "presente un recurso de inconstitucionalidade ao proxecto do Goberno de Mariano Rajoy" e que foi presentada este venres polo propio Beiras e a coportavoz, Yolanda Díaz.  “Estamos diante dun dos debates máis importantes para a configuración territorial do Estado”, sinalou Díaz, “e o PP pretende dar un golpe de Estado pola porta de atrás, como xa fixera coa reforma do artigo 135 da Constitución sobre o déficit público”.

Os avances publicamente coñecidos do proxecto de lei indican, segundo AGE, que as intencións da dereita inclúen "potenciar as deputacións, converter os concellos en pouco máis ca nun rexistro oficial” e unha aposta radical pola "privatización dos servizos públicos". “Ademais, hai un proceso brutal contra a intervención pública en economía”, engade a viceportavoz, “que encaixa con esa estratexia de facer pasar aos cidadáns por causantes da crise”.

"É un ataque recentralizador e contrarrevolucionario que dirixe Rajoy en conivencia con Feijóo"

Para AGE, o proxecto do Goberno de Madrid é “un ataque recentralizador que pon en cuestión o título VIII da Constitución”, e así o argumenta no texto da proposición. “Dentro deste proceso contrarrevolucionario que dirixe o Señor dos Hilillos en conivencia co señor Núñez, agora empeza a agresión contra a autonomía da Administración local, e procuran eliminar algo que está no Estatuto, como son as bisbarras e as freguesías ou parroquias”, denunciou Beiras. "Buscan arrasar con todas as conquistas do antifranquismo e instaurar un neototalitarismo de facto”, conclúe.

Beiras e Díaz, durante a rolda de prensa © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.