AGE pide unha lei de transparencia para evitar casos coma o de Véndex

Dominio Público Praza Pública

Ao fío das informacións que se van coñecendo sobre as actividades do grupo Véndex no marco da operación Pokemon, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) propón a redacción dunha Lei de Transparencia que lle permita á cidadanía ter aceso aos expedientes de contratación e subvencións nos organismos galegos, "como primeiro paso para democratizar as institucións e asegurar un verdadeiro control democrático popular sobre a acción de goberno tanto da Xunta de Galicia como das administracións locais no territorio galego".

Neste senso afirma que de acceder ao Parlamento esixirá a creación dunha comisión da transparencia, non remunerada e presidida pola oposición para garantir a súa efectividade, que redacte a norma. A coalición defende que chegou o momento dunha profunda rexeneración democrática que ten que basearse no empoderamento da cidadanía mediante mecanismos de participación cidadá, e na habilitación de ferramentas de control e transparencia nas institucións.

A fronte argumenta que dado que o orzamento público "é unha propiedade de todos os cidadáns xestionada polos nosos representantes elixidos democraticamente", xa que logo, "todos e todas temos o dereito de saber en todo momento e con todo detalle que se fai co diñeiro público, co noso diñeiro, do mesmo xeito que coñecemos en todo momento e con todo detalle o saldo e os movementos das nosas contas bancarias persoais". E denuncia que a única razón pola que as administracións manteñen a xestión dos fondos públicos nun estado de opacidade é para facilitar a impunidade dos comportamentos corruptos.

AGE denuncia que a única razón pola que as administracións manteñen a xestión dos fondos públicos nun estado de opacidade é para facilitar a impunidade dos comportamentos corruptos

A formación esixe que "non se adxudique ningún contrato, obra ou servizo por procedementos sen publicidade e sen que todas as ofertas recibidas, xunto coas súas respectivas valoracións e informes técnicos e xurídicos, estean integramente a disposición do público para a súa consulta libre, anónima e sen restricións na páxina web do organismo". Asi esmo pide que "non se pague ningunha certificación de obra, factura, subvención ou convenio con cargo a fondos municipais sen que todos os informes técnicos e xurídicos que xustifiquen o seu pago estean integramente a disposición do público para a súa consulta libre, anónima e sen restricións na páxina web municipal".

Esta proposta chega xusto na semana na que o proxecto de Lei de Acceso á Información Pública e Transparencia remata o seu periodo de emendas no Congreso. A lei, demandada dede hai anos, vai camiño de defraudar todas as expectativas postas nela. A subordinación do dereito de acceso á protección de datos, que entidades coma a Casa Real ou os partidos queden á marxe dela ou que sexa xestionada por unha entidade dependete do Goberno, son algunhas das criticas.

 

Vendex, beneficiaria de concesións públicas en todo o Estado

 

A base da operación, derivada das investigacións do caso Carioca e produto de numerosos pinchazos telefónicos realizados nos últimos meses, está na actividade do Grupo Vendex. Vendex é un conglomerado de máis de 30 empresas que realizan servizos de mantemento e xestión para entidades públicas en todo o Estado a través de diversas sociedades, como PAU, Doal ou Semat e que se aproveitaron da tendencia crecente a externalizar a xestión de case todos os servizos municipais. Algúns dos seus contratos máis lucrativos corresponden á xestión de residuos en Burgos e Sabadell.

En Galicia, o seu traballo céntrase nas zonas de estacionamento da ORA e a limpeza de colexios e recintos deportivos. A lista case non ten fin e afecta a concellos e institucións gobernadas tanto polo PP coma polo PSOE. Lugo (cursos de natación, servizo de información turística do Centro de Interpretación da Muralla), Ourense (zona ORA),  Santiago (servizo de gardería e polideportivos), Ferrol (xestión do teatro Jofre e do centro cultural Torrente Ballester), A Coruña (servizo de limpeza e de conserxería)i Boqueixón (axuda a domicilio) ou Arteixo (servizo de guindastre e axuda a domicilio) traballan coas sociedades de Vendex. Tamén a Xunta lle concedeu a xestión do acuario do Museo do Mar de Vigo.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.