AGE propón expropiar as vivendas "dos bancos e grandes promotoras"

Beiras e Díaz, na presentación do programa de AGE CC-BY-SA AGE

"Penetrarmos no espazo electoral dos indignados e dos desencantados". É un dos retos que o cabeza de lista de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) pola Coruña, Xosé Manuel Beiras, se marca a pouco máis de vinte e catro horas do inicio da campaña electoral galega. Acompañado pola número dous da mesma candidatura e líder de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, Beiras resumiu este mércores ante a prensa os "eixos primordiais" do programa e dos "compromisos éticos" da coalición, centrados na "crise económica, social, de identidade, dos dereitos colectivos dos pobos e dos valores éticos" e, ademais, engade Díaz, en "combater o fascismo" que, afirma, supón a "transferencia de rendas dos traballadores aos causantes desta grande estafa á que chaman crise", os bancos, di.

Sobre esta base AGE presenta unhas bases programáticas  encabezadas por unha serie de propostas "contra o espolio", como unha auditoría da débeda pública, "en boa medida ilexítima", a "reversión ao dominio público de concesións privadas" como as infraestruturas ou a instauración dun "parque público de vivendas creado mediante a expropiación de todas as vivendas en mans dos bancos e grandes promotoras, a comezar polas que están ameazadas de desafiuzamento".

Beiras procura o apoio "dos indignados e desencantados"

En materia de "identidade" e "defensa do noso" AGE márcase metas como a aprobación dunha Lei da Memoria Histórica de Galicia para "reparar" as vítimas do franquismo, unha "defensa do ámbito informativo galego, con medios de comunicación non sometidos aos poderes políticos e económicos" e tamén a "eliminación dos privilexios dos que en materia económica goza a Igrexa católica; "estamos nun Estado onde o principio da Revolución Francesa" segundo o cal "a nobreza e o clero tamén tiñan que pagar impostos, non se aplica".

A implantación dunha "renda básica universal que garanta a subsistencia con dignidade" a quen non teña recursos, medidas de "erradicación da violencia machista", garantías para a interrupción voluntaria do embarazo, a constitución dun "sector financeiro público" ou unha "reforma tributaria progresiva", especialmente centrada "nos tramos elevados de ingresos e patrimonios privados" son outras das propostas coas que, explica Beiras, AGE procura non só entrar no Parlamento, senón tamén "sermos un factor que contribúa a activar a dinámica que existe na cidadanía cara a unha transición que sexa unha creba democrática con este réxime apodrecido", conclúe.

Beiras e Díaz, na presentación do programa de AGE CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.