AGE remata a campaña con forza, convencida de que será clave para "desaloxar a Feijóo"

Aspecto do Palexco durante o mitin de AGE na Coruña CC-BY AGE

Coa música dos Diplomáticos soando de fondo, rapaces sacando o zapato para tirar fotos xunto aos carteis e a xente apurando para coller os poucos sitios que quedaban libres, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz volveron ateigar aforo no último mitin de campaña na Coruña. Houbo xente que volveu quedar de pé ou incluso fóra do recinto. Recollendo os folgos sumados durante os últimos quince días, Alternativa Galega de Esquerdas rematou confiada a caravana electoral e agardando a que a boa acollida popular se transforme tamén nun resultado electoral positivo.

"Agora case podo dicir que imos paralos e que imos desaloxalos", asegurou Xosé Manuel Beiras, cabeza de lista de AGE, optimista de cara aos comicios do vindeiro domingo e alerta cunha Xunta a que acusou de "destruír todo o conseguido co Estatuto". "Hai que desaloxalos porque eres non pagaron as débedas", insistiu o líder de Anova, que lembrou o discurso Alba de Gloria de Castelao. "A rebelión cívica vai lograr acabar con este réxime podre e comezar un novo ciclo histórico neste país que se chama Galiza" que se baseará "na clase obreira e traballadora, na esquerda transformadora", dixo. "Non podemos permitir que esta situación dure máis, nin tres días máis", insistiu, logo de denunciar "o expolio" e a "analfabetización" imposta pola dereita en Galicia. "A partir do domingo, isto vai rematar", manifestou. 

O número un pola Coruña volveu defender a coalición entre EU e Anova como "ferramenta" para conseguir o principal obxectivo, "que non é outro que desaloxar o PP do Goberno galego e recuperar o rol sobranceiro da Cámara de representantes". Ademais, recordou como "Fraga decapitou a Cuiña por orde de Rajoy para darlle paso ao señor Feijóo, que viña de privatizar Correos e da man de Romay Beccaría". "Aquel mesmo que se negou a gardar dous minutos de silencio polos mortos da guerra de Irak", lembrou. 

 "Agora case podo dicir que imos paralos e que imos desaloxalos", advirte Beiras

"Os títeres de Merkel, os infames de San Caetano marcharán", engadiu Beiras, que manifestou que "a campaña xa está feita". "Só algunhas das misións imposibles foron feitas posibles", advertiu, convencido de que desta vez o que semellaba tan complexo -evitar a maioría absoluta do PP- está máis preto e tras animar a cidadanía coruñesa a rememorar a súa tradicións "galeguista, nacionalista e republicana".  

"Está a apodrecer o poder lexislativo cando Merkel e Sarkozy impoñen unha reforma constitucional que evita que o Parlamento faga os orzamentos necesarios para a cidadanía", comentou Beiras, que acusou o Goberno do PP de "converter o Estado español nun protectorado alemán". "Que se prepare Feijóo porque imos ter iniciativa no Parlamento, pase o que pase", aclarou. 

Yolanda Díaz animou a votar a AGE para "quitarse de enriba os fillos do franquismo e de Fraga"

Por outra banda, Yolanda Díaz, número dous pola Coruña, manifestou que AGE "está a facer historia", tras animar a votar a AGE o domingo para "quitarse de enriba os fillos do franquismo, de Fraga e de Franco" logo de destacar a "revolución" que na campaña supuxo a irrupción da coalición de esquerdas. Ademais, destacou o "apoio da mocidade" á súa formación o que, na súa opinión, axudará a "consolidar" a Alternativa Galega. 

"O domingo a mocidade ten que darlle unha patada no cu a Feijóo e a Rajoy", insistiu Díaz, que volveu a advertir "da situación  excepcional" e do "golpe de estado contra a democracia" que supón "que gobernen os mercados, Merkel, o FMI e o BCE". "Queremos gobernar este país porque queremos democracia", insistiu. "Feijóo está derrotado politicamente, pero agora imos derrotalo electoralmente", dixo a número dous de AGE, que advertiu que a coalición quere ser "a esquerda do futuro, a que escoita o 15M e a todos os homes e mulleres que se manifestan no país".

"Non hai democracia sen sanidade pública, sen servizos públicos e sen educación pública" 

"Temos que transformar a indignación en votos, temos que encher as urnas de votos para a Alternativa Galega de Esquerda", animou Díaz, que asegurou que a coalición "non é clase política, senón que fai política". "Estamos cos de abaixo, coa xente do común", engadiu, logo de destacar que "non hai democracia sen sanidade pública, sen servizos públicos e sen educación pública". "O fascismo é a violencia que agora están a exercer contra os de abaixo con recortes para que as elites sigan vivindo como reis", insistiu, tras amosar o seu convencemento nun gran resultado o domingo.    

Pero non chega a entrada no Parlamento, que en AGE dan por segura. "Botar fóra democraticamente" o PP do Goberno é o obxectivo dunha coalición que logrou reunir no Palexco coruñés un público variado, no que se mesturou xente nova -tan nova que moitos deles nin tan sequere teñen idade para votar- como veteranos que amosaron a ilusión do cambio con idéntico fervor que o xoves en Vigo e o mércores en Compostela. 

Por outra banda, Mariluz Canal, número seis da lista pola Coruña, animou a votar para acabar co Goberno do PP e para "facer do Parlamento galego a casa da cidadanía", reafirmando "o compromiso" expresado por AGE de "dar voz ao pobo". Ademais, Antón Sánchez, outro dos candidatos pola provincia coruñesa, destacou que "a Feijóo lle costa moito durmir desde hai uns días". "Oe unha música de piano que cada vez se achega máis", dixo en referencia ás críticas que Feijóo verteu sobre Xosé Manuel Beiras, tras advertir de que "hai que botar os insípidos". 

"Non finalizamos aquí o noso traballo, a rebelión cívica continuará; hoxe só rematamos a campaña", advertiron os diversos representantes de AGE, que saíron da Coruña con bastantes máis ánimos e folgos que hai quince días e coa constatación de que poden ser decisivos. Iso é o que pensan. 

Aspecto do Palexco durante o mitin de AGE na Coruña CC-BY AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.