AGE sinala o goberno de Compostela como emblema do "réxime da corrupción"

Acto de AGEe na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

Este luns a Praza do Obradoiro era un fervedoiro de actos políticos que deu lugar a escenas peculiares. Contra as once e media da maña representantes de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) ultimaban os detalles do acto convocado fronte á casa consistorial da capital, o Pazo de Raxoi, para situar o goberno da cidade como emblema do "réxime da corrupción" que, din, queren combater tamén dende o Parlamento Europeo. Mentres, no Hostal dos Reis Católicos permanecia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que ata unha hora antes asistira no Parador a un almorzo informativo da ministra de Fomento, Ana Pastor. O coche oficial de Feijóo abandonaba a zona xusto cando polos altofalantes de AGE se puñan en marcha.

Mentres, a escasos metros do acto, un dos concelleiros que o vindeiro día 19 serán xulgados por presunta corrupción departía distendidamente cun axente da Policía Nacional, a candidata de AGEe, Lidia Senra, acompañada polo coordinador da campaña da coalición e alcalde de Teo, Martiño Noriega, e mais polo deputado Xavier Ron, ilustraban a mudanza que a proxección internacional de Santiago sufriu nos últimos anos. De Capital Europea da Cultura no ano 2000 a ser "unha das capitais europeas da corrupción" en apenas unha década, censuran. O concello que dirixe Ángel Currás, resume Noriega, é unha das mostras de que a corrupción pasou de ser unha cuestión política ou xudicial a constituír un problema "de saúde pública".

A corrupción é xa un "problema de saúde pública", di Noriega

Flanqueados por dous simpatizantes con senllas camisolas amarelas co lema Santiago de corruptela e a imaxe do popular Pikachu os representantes de AGEe acudiron ao que se está a converter nun lugar de peregrinaxe para organizar actos contra a corrupción -colectivos cidadáns, o BNG local ou a Candidatura do Povo veñen trasladando alí as súas reivindicacións ao respecto- co obxectivo de expresar o seu "empeño en poñer fin" ao "réxime que nos priva dunha auténtica democracia". Hai múltiples mostras que "certifican a fraxilidade" dos avances contra as prácticas corruptas, porque "poderosos e corruptos saben que a retórica non lles fai mal aos seus negocios", din.

Senra: "A corrupción é unha arma arreboladiza contra a democracia"

A "patrimonialización e privatización de recursos públicos", o "mercado de favores e privilexios" que delas derivan ou a "hexemonía do bipartidismo" son, a xuízo da coalición, mostras dun escenario que xa non pode mudar "nas marxes estreitas dun réxime que despreza a ética e as boas prácticas democráticas e teima en facer da impunidade o seu principal consenso". Para que isto non mude, alertan, o propio "réxime da corrupción" fabrica "indiferencia e desinterese pola política e os bens públicos", por iso "inviste en ocultación e desinformación". "Réinalles que a indeferencia e a apatía progresen entre a cidadanía", tamén nas eleccións europeas, porque "aspiran a que os seus resultados electorais exculpen os delitos e as malas prácticas de goberno".

Por todos estes motivos AGEe asegura que o apoio á súa opción o 25-M implica "reivindicar a política democrática na defensa dos nosos deretos e liberdades, ao servizo das persoas agredidas". No caso galego, apunta Noriega, o PP xa non é quen nin de "podar" as súas pólas corruptas porque a corrupción é "troncal". Por iso "Feihoudini" lle dá "cobertura ao impresentable" e casos como o dos concelleiros composteláns. A corrupción, engade Senra, é xa "unha arma arreboladiza contra a democracia"; "malgastan e rouban os cartos que non son deles", conclúe.

Acto de AGEe na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.