No recente debate sobre o estado da autonomía, celebrado o mes pasado, Alberto Núñez Feijoo anunciou un investimento de 10 millóns de euros no aeródromo lugués de Rozas, ao abeiro do plan de diversificación industrial e de convenios cos ministerios de Economía e Defensa. A proposta de resolución presentada polo PP instaba á Xunta ao impulso "dun Polo Aeronáutico en Galicia", a través dunha "estratexia integral que facilite o desenvolvemento de sistemas e estruturas neste sector e, de maneira especial, no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados (UAVs) de uso civil" no Aeródromo de Rozas.
Na súa intervención no debate, o presidente do Goberno galego afirmou que "materializaremos a colaboración co Ministerio de Economía e co Ministerio de Defensa para iniciar a recuperación do aeródromo das Rozas en Lugo, cun investimento de 10 millóns de euros e co obxectivo de que funcione como centro de investigación do potencial de avións non tripulados para uso civil e da súa utilidade en ámbitos como a detección de incendios, a vixilancia da contaminación ou a xestión eficiente do territorio".
Porén, dende Alternativa Galega de Esquerda poñen en dúbida que este sexa o obxectivo real deste investimento e sospeitan que os fondos servirán para o desenvolvemento en Rozas de avións non tripulados (drons) para o exército, convertendo este aeródromo nunha instalación militar, como xa denunciou AGE noutras ocasións. De feito, o INTA (Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial), dependente do Ministerio de Defensa, utiliza este espazo dende 2011 e dende entón vén realizando distintas probas con avións non tripulados.
Dende AGE lembran que esas dúas aeronaves non tripuladas para usos civís custaron 80.000 euros e pregúntanse "por que é preciso, daquela, un convenio de dez millóns de euros en que intervén o Ministerio de Defensa?"
Dende a administración galega adóitase argumentar que estas probas están relacionadas os ensaios co proxecto transfronteirizo Ariem-112, para uso civil. Dende AGE lembran que esas dúas aeronaves non tripuladas para usos civís custaron 80.000 euros e pregúntanse "por que é preciso, daquela, un convenio de dez millóns de euros en que intervén o Ministerio de Defensa?".
En Comisión Parlamentaria, a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, preguntoulle ao director xeral de emerxencias Santiago Villanueva “por que vostedes ocultan o que están a facer en Rozas? Están a traballar para á OTAN e para a estratexia política e económica do Partido Popular?”, sen acadar unha resposta satisfactoria. “Por que hai que reformar o hangar, a torre de control?”, engadiu Díaz, “o que pedimos é saber se Rozas vai ser unha base de drons para a OTAN, se é así, dígao”. Yolanda Díaz denunciou que, no caso de que estes dez millóns de euros van ser destinados a investigación militar, isto suporía "a mesma cantidade que medrou a partida destinada a cubrir a crecente necesidade da RISGA en tempos de gravísima emerxencia social".
“Por que hai que reformar o hangar, a torre de control?”, engadiu Díaz, “o que pedimos é saber se Rozas vai ser unha base de drons para a OTAN, se é así, dígao”
O pasado mes de xaneiro La Voz de Galicia xa daba conta dun investimento dun millón de euros no aeródromo co obxectivo de acondicionalo para as probas previstas cos drons. A máis importante será a construción dun cercado nos catro quilómetros de perímetro do aeródromo, xunto coa reforma da torre de control, a construción dun novo hangar e a instalación dun sistema de seguridade aérea. Hai case dous anos comezaron os voos do proxecto Atlante (Avión Táctico de Largo Alcance No Tripulado Español), un avión espía non tripulado fabricado pola empresa Cassidian, unha compañía integrada na multinacional EADS considerada "líder mundial en solucións de última xeración para forzas armadas e organismos de seguridade civil en todo o mundo". A empresa de misís MBDA da multinacional EADS recoñece o Atlante como un avión militar.
Dende AGE tamén denuncian que hai xa máis dun ano realizaron unha solicitude formal para visitar as instalacións do Aeródromo de Rozas. Porén, aínda non obtiveron resposta.