AGE teme que a OTAN instale unha base de avións non tripulados en Lugo

Un dos avións probados en Rozas © Cassidian

Un proxecto industrial ou o xermolo para unha base militar de avións non tripulados? Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de facer público o seu temor de que as investigacións que se veñen realizando nos últimos anos con avións non tripulados no aeródromo de Rozas, no concello lucense de Castro de Rei, desemboquen en que a instalación sexa "o lugar escollido para establecer unha das cinco bases de drons [avións non tripulados] que a OTAN ten previsto instalar en Europa.

Na liña iniciada hai anos por Esquerda Unida en Lugo, AGE vén de convocar a cidadanía de Lugo a unha asemblea informativa na que estudar os problemas que poderían derivar desta instalación que, inicialmente, "todo parecía apuntar" que ía ter como emprazamento "a zona de Trasmiras, en Ourense". "En marzo de 2011 -explica EU- coñeciamos o inicio de probas por parte do Ministerio de Defensa para empregar Rozas como base de avións espía do programa da multinacional EADS, unha das máis importantes en fabricación e venda de armamento militar a nivel mundial" e no presente 2013 "alzaba o voo en Rozas o proxecto Atlante, un avión espía non tripulado fabricado pola empresa Cassidian".

"Trátase de avións tristemente célebres por practicaren masacres e asasinatos a civís"

Este avión, explica AGE, é definido pola propia empresa construtora como "o primeiro non tripulado capaz de realizar misións tanto civís como militares". "Trátase, polo tanto -afirman- dun dos avións tristemente célebres por practicaren masacres e asasinatos a civís e militares nos principais escenarios de guerra do plaenta, actuando actuando impunemente nos principais conflitos bélicos como os de Pakistán, Iemen, Iraq, Somalia, Afganistán, Palestina..".

Por todo isto, Alternativa sinala que as bases de drons pasan a ser "destacados obxectivos militares e terroristas polo seu alto valor militar e estratéxico, o que supón un risco máis que evidente para a cidadanía que se atope no seu contorno, neste caso os cidadáns da comarca de Lugo".  Ademais, "moitos dos seus usos constitúen unha invasión da privacidade e un ataque ás liberdades civís da cidadanía". Por todo isto Esquerda Unida "presentou varias preguntas ao Goberno central para que aclare os termos" dos usos de Rozas e AGE "reclamará a intervención do Goberno da Xunta para que esixa a paralización das probas experimentais" mentres "non se realicen as correspondentes aclaracións á cidadanía".

Un dos avións probados en Rozas © Cassidian

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.