Aitor Esteban, en Lugo: "Granadas lánzanse a Catalunya, faíscas cáennos a todos"

Aitor Esteban, voceiro do PNV no Congreso CC-BY-SA PNV

Acudiu Aitor Esteban (Bilbao, 1962) á chamada do Ateneo Galeguista de Lugo, e fíxoo con gran expectación. O portavoz no Congreso do PNV foi claro e conciso e fixo gala da súa calidade de gran orador, facendo un repaso “ás fondas raíces do feito nacional” tanto en Euskadi, como dirixente do PNV, como en Galicia e Catalunya. “Agora inténtase negar, mais vén de lonxe, non é algo inventado fai dous días”.

Na súa conferencia no Ateneo Galeguista de Lugo, o voceiro do PNV no Congreso pediu a Pedro Sánchez que "sexa valente": "Non hai nada que facer con esta dereita, vai ter que tirar só"

O político vasco aproveitou a ocasión para facer un repaso á situación política actual, con especial incidencia na situación das nacións dentro do Estado. “Granadas lánzase a Catalunya, faíscas cáennos a todos”, apuntou, para pedirlle posteriormente a Pedro Sánchez que sexa “valente” para emprender políticas “máis alá de manter o castelo”. “O PSOE sénteo, non hai nada que facer con esta dereita e vai a ter que tirar só”, explicou Esteban, que xustificou o seu apoio á investidura na “necesidade dun interlocutor” co que afrontar reformas, entre elas un novo Estatuto de Autonomía para Euskadi.

“Non nos beneficia a inestabilidade do Estado”, continuou. “Temos que rebaixar a tensión e darlle unha oportunidade ao goberno”, algo que, na súa opinión, pasa por apoiar tamén os próximos Orzamentos. “Sei que isto non nos beneficia á hora de negociar”, recoñeceu o dirixente, ao tempo que apostaba por “mellorar as posicións de todos, que ninguén sinta que está perdendo a súa identidade”.

Conferencia de Aitor Esteban organizada polo Ateneo Galeguista de Lugo CC-BY-SA Imaxe difundida polo Ateneo Galeguista de Lugo

"O Tribunal Constitucional non é un árbitro neutral"

Esteban tamén tivo tempo para facer unha análise da actual situación institucional. “Vivimos unha crise non só do Estado autonómico, senón nas propias estruturas do Estado”. Na súa opinión, a sentenza do Estatut sumiu nunha profunda “inseguridade xurídica” ás comunidades autónomas ao negar a existencia de competencias exclusivas das mesmas. “Temos unha constitución ben feita, que no relativo a dereitos e liberdades non ten nada que envexar aos do entorno”, apuntou, para denunciar o deterioro paulatino ao que foi sometida tras unha Transición “feita pero non rematada”. “O Tribunal Constitucional non é un árbitro neutral” para dirimir as diferenzas entre gobernos autonómicos e o estatal, denunciou, apostando por dotarse de novos órganos que aposten primeiro pola vía do diálogo político para solucionar estas diverxencias.

“Chaman ao PNV racista, mais todos os días en redes sociais teño que ver como perfís ligados á ultradereita española me chaman maketo, algo que nunca tiven que oír en Euskal Herria"

Non se libraron PP, Vox e Ciudadanos das críticas do dirixente vasco. Esteban acusounos de ser “ignorantes do seu propio país” ao non aceptar a diversidade que o caracteriza, así como de “incendiar sen dar ningún dato serio”. “Chaman ao PNV racista, mais todos os días en redes sociais teño que ver como perfís ligados á ultradereita española me chaman maketo, algo que nunca tiven que oír en Euskal Herria. Eles son os racistas”, apuntou en referencia ao nome despectivo que recibiron os emigrantes españois en Euskadi.

Ante un salón ateigado para escoitar o que o político vasco tiña que contar, e acompañado de Xaime da Pena, presidente do Ateneo Galeguista de Lugo, e do xornalista e escritor Santiago Jaureguizar, Esteban quixo comezar a súa charla lembrando a Manuel Murguía e O rexionalismo galego, así como a reunión de Galeusca mantida no mesmo hotel no que se celebrou este mércores o encontro, o Méndez Núñez, en 1933. “O PNV foi fundado en 1895; o libro de Murguía data de 1889”, apuntou o político vasco.

“Somo unha nación dividida en dous Estados, e dentro dun deles en dúas comunidades autónomas”, continuou. Esteban quixo tamén contestar a aqueles que recentemente se preguntan que fai o seu partido en Navarra, lembrando que a primeira ikurriña ondeou precisamente alí en 1894, e que no deseño da mesma participaron “participaron tres persoas, dúas delas Navarras”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.