Alcaldes de BNG, Anova e CxG crean a Irmandade Municipal Nacionalista

Casa do Concello de Ribadeo CC-BY-SA Agremon

Alcaldes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG) e Anova veñen de presentar a Irmandade Municipal Nacionalista e Galeguista (IMNG). Esta asociación, creada hai máis dun ano, une polo momento no seu seo os rexedores de 18 concellos que en Galicia están gobernados por formacións nacionalistas e márcase como obxectivos principais a "promoción da lingua e culturas galegas e do patrimonio cultural do país, a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do medio ambiente e da paisaxe, a preservación do medio físico, dos valores tradicionais, dos sinais de identidade e da memoria histórica de Galicia e a transparencia na xestión dos intereses xerais".

A IMNG márcase como obxectivo a promoción dos sinais de identidade galegos e a transparencia na xestión

Nun comunicado a modo de presentación, a Irmandade Municipal Nacionalista defínese como "punto de encontro" para, "máis aló das lexítimas dinámicas partidarias", compartir e mellorar "modelos de xestión municipal nacionalistas e galeguistas". Así, a IMNG aposta por "promover a participación real e efectiva dos cidadáns na vida política, aproveitando a introdución social e o traballo feito a pé de campo polos representantes públicos, escoitando as demandas da cidadanía para actualizar o discurso do nacionalismo e o galeguismo no eido local, e ampliar a súa base social".

Os rexedores de Bloque, Anova e CxG -pero tamén de grupos independentes como a Agrupación Trivesa Independente ou Movemento Salceda- aseguran "poñer por diante o que os une" e traballar "conxuntamente nun espazo onde intercambiar opinións e experiencias de goberno polo ben dos seus concellos e do seu país".

A asociación está aberta a alcaldes ou concelleiros nacionalistas que tivesen responsabilidades de goberno no pasado

No entanto, a IMNG declárase tamén como "un foro aberto" ao que poderán sumarse no futuro todos aqueles alcaldes e/ou concelleiros que tivesen nalgún momento responsabilidades de goberno para "compartir os seus modelos de xestión municipal nacionalista e galeguista". A recentemente presentada agrupación lembra a iniciativa xurdida tamén en Euskadi a través de Udalbiltza (Asemblea de Municipios e Electos Municipais de Euskal Herria), que agrupa rexedores nacionalistas de diferentes localidades do País Vasco, Navarra e os territorios vascos localizados en Francia.

A Irmandade Municipal Nacionalista e Galeguista está presidida polo alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez Méndez, e a vicepresidencia está ocupada polo rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia. Ademais, forman parte desta agrupación: Teresa Barge Bello (A Bola), Rafael Pérez Vázquez (A Mezquita) , Xosé Lois Maceira Vilariño (A Pobra do Brollón), Francisco José Fernández Blanco (A Pobra de Trives), Xavier Simón (Arbo), José Luis García López (Arzúa), Francisco Xabier Oviedo Rodríguez (Maceda), David Rodríguez Estévez (Manzaneda), Orlando González Cruz (Mondoñedo), Severino Rodríguez Díaz (Monforte de Lemos), Adolfo Muíños Sánchez (Rianxo), Marcos Besada Pérez (Salceda de Caselas), Martiño Noriega Sánchez (Teo), Xoán Xosé Jardón Pedras (Vilar de Santos), Manuel Antelo Pazos (Vimianzo), Manuel Muíño Espasandín (Zas).

Xurxo Rodríguez, alcalde de Castrelo de Miño e presidente de IMNG © Concello de Castrelo de Miño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.