Alfonso Guerra: "Se para baixar o déficit morre a xente, prefiro ter déficit"

Pachi Vázquez e Alfonso Guerra, en Ourense © PSdeG-PSOE

Alfonso Guerra non pasa desapercibido nunha campaña e coma ao longo da súa carreira política non deixa indiferente a ninguén. Nos últimos días arroupou a Pachi Vázquez en Ourense nun dos mitins máis masivos dos socialistas nestas semanas. E este mércores estivo con Francisco Caamaño na Coruña. Se en Ourense deixara como titular que "nacionalismo e socialismo son incompatibles", no acto da cidade herculina cargou con dureza contra a política económica do Partido Popular e dunha maneira semellante a como nos últimos días o fixo Xosé Manuel Beiras ou algunhas ONGs afirmou que "se para baixar o déficit morre a xente, prefiro ter déficit".

Guerra afirmou tamén que o PP "merece un castigo dos cidadáns" e recalcou que "deixar ben as contas non é tan importante se os custes sociais son tan graves". Acusou así mesmo os populares de "agarrarse ao sillón" do poder.

Nese mesmo acto o número 1 dos socialistas pola Coruña, Francisco Caamaño, destacou que "con esta Galicia de Feijóo imos aceleradamente cara a década dos 50" e que "vivimos nunha Galicia con 95 parados cada día, onde pechan 80 empresas diarias".

 

Pachi Vázquez, en Vigo

Pola súa banda Pachi Vázquez estivo en Vigo e anunciou un fondo de 40 millóns de euros para impulsar a contratación de parados de longa duración e “cambiar os luns ao sol por luns de esperanza, traballo e dunha política distinta”. Vázquez comprometeuse a “presidir este país para cambiar este país”, e “non deixar que os meus netos e fillos teñan que emigrar, quen ten que saír de Galicia son os nosos produtos e as nosas empresas” competitivas. Criticou que Feijóo, "que anunciaba acabar co paro en 45 días, mandou un galego ao paro cada dez minutos, 6.000 cada 45 días", e afirmou que “cando llelo dixen eu no Parlamento el respondeume yo del paro no sé nada”.

Apostou por “cambiar a resignación e desilusión por esperanza e futuro” e comprometeuse a “dicir a verdade, porque para enganos e mentiras Rajoy e Feijoo chegan abondo”. Aludiu ás declaracións de Esperanza Aguirre alabando a Feijóo e díxolle “que o leve para casa e o deixe alí, non se preocupe que o luns llelo vamos poñer dispoñible”.

Pachi Vázquez e Alfonso Guerra, en Ourense © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.